Lingua, clima e lecturas

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

Libros archivo
Libros archivo Pixabay

23 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia que moi contestada no seu día e na actualidade practicamente sen valedores, a hipótese lingüística denominada de Sapir-Whorf (a lingua concreta que falamos determina os nosos procesos mentais, vale dicir, un galego percibe a realidade dun xeito diferente a un noruegués polo simple feito de un falar galego e outro noruegués) non deixa de conter engaiolantes elementos para a reflexión, non exenta do seu chisco de ironía: a frustración resultante de intentar que un fulano de Albacete entenda unha expresión como «aínda non sei se non quererá chover» pode conducir, en efecto, a validar a hipótese dos antropolingüistas americanos. Pero non, probablemente ocorre todo o contrario: a lingua é a expresión primordial dunha cultura, a cal, esta si, determina colectivamente un xeito propio de pensar (e polo tanto de actuar) ante os estímulos da realidade. Non é a lingua senón o capricho dun océano grande e próximo o que inflúe en que a choiva galega sexa tan voluble, o cal explica o acertado prognóstico que unha vez me proporcionou un vello mariñeiro de Laxe perante o meu interese en coñecer se o día seguinte estaría de praia: «Pode que chova pero tamén pode que non» (por certo, non choveu).

Ora ben, falando de clima, aquí non me cabe dúbida da influencia que a meteoroloxía exerce naquilo que os románticos teutóns chamaron o volksgeist, a alma ou espírito do pobo. Lembro ter lido nalgures que a enorme construción da filosofía decimonónica nórdica provén de melancólicos e enfermos de pulmón. Imaxina vostede a Hegel xestando a introspección metafísica da súa Fenomenoloxía do espírito á luz esplendorosa do litoral mediterráneo? Ou a Kierkegaard poñendo os alicerces do existencialismo nun verán en Almería?

E é que o clima inflúe en todo, de aí que o móbil nos estea dando a tabarra coa ameaza de cicloxéneses, que agora teñen nome como os cristiáns. Se influirá o clima que modula ata as lecturas! Aproveite vostede as noites de inverno para deleitarse con Romance de lobos, Terra brava ou os contos extraordinarios de don Edgar americano. Xa para abril substanciaremos outras recomendacións máis acaídas ao sol e o arrecendo das flores.