A Rúa crea un roteiro co paso de Ruth Matilda Anderson pola vila

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

A foto que fixo da Noiteboa do 1924 na Rúa.
A foto que fixo da Noiteboa do 1924 na Rúa. RUTH MATILDA ANDERSON

«Camiños falados» bota a andar no centenario da súa visita

24 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As súas imaxes de Galicia son toda unha icona etnográfica. Un século atrás, a norteamericana Ruth Matilda Anderson recorría o país documentando con fotografías todo aquilo que lle chamaba a atención. E precisamente onte se cumprían 100 anos da súa chegada á Rúa de Valdeorras, procedente de Lugo. No concello ourensán pasou Anderson tres días acompañada do seu pai, que documentou no seu diario todo o vivido. Xuntando os seus textos coas imaxes de Ruth Matilda permite ter o relato completo do que viron os seus ollos. Unha data tan redonda non podía pasar sen máis, e por iso foi a escollida para presentar o proxecto Camiños Falados, impulsado polo Concello e dirixido por Cristina de la Torre.

Camiños Falados busca recuperar a memoria colectiva, aquelas historias que a xente viviu ou das que sabe porque alguén llas contou pero que corren o risco de perderse se non se documentan. E non só é escribilas nun papel, é tamén ofrecer a posibilidade de vivilas de novo, coma a viaxe que fixo Anderson. E para iso creouse un roteiro pola vila que pode consultarse na web do proxecto (camiñosfaladosdarua.gal) e que permite volver sobre os pasos da fotógrafa americana cen anos despois. Non é unha aproximación, senón que na páxina de internet recuperáronse as imaxes tomadas por Ruth Matilda e fixéronse outras novas desde o mesmo lugar para que a xente recoñeza os sitios cando chegue a eles. Repetir as fotografías non sempre foi tarefa sinxela, porque moitas paisaxes cambiaron por mor do furor inmobiliario, mais as montañas non mudaron e foron de grande axuda, recoñeceu De la Torre.

Entre as imaxes recollidas hai unha da cova da Casa Grande de Fontei, «probablemente a máis antiga dunha cova de viño, simplemente porque fai cen anos a fotografía non se usaba para inmortalizar espazos de traballo ou cuestións etnográficas, senón que tiña un uso máis social, de eventos, basicamente porque era cara», recordaba a directora.

Cristina de la Torre e María G. Albert presentaron o proxecto.
Cristina de la Torre e María G. Albert presentaron o proxecto. LOLITA VÁZQUEZ

Anderson pasou en Valdeorras unha Noiteboa da que quixo gardar un recordo fotografando a muiñeira que bailaron os que cearon na desaparecida fonda Paco aquel día. De la Torre apostou por recuperar esa tradición cada 24 de decembro.

Unha web en constante evolución

«Camiños Falados é un proxecto que nos fai especial ilusión», destacou a alcaldesa, a nacionalista María González Albert. Polo que ten de mirar ao pasado e tamén do que supón para o futuro.

«Vai ser unha web evolutiva que vai ir incorporando novas historias e camiños falados pouco a pouco e o que pretende é ser un espazo que recolla a memoria viva e non tan viva da Rúa, un espazo no que todos nos poidamos sentir recoñecidos e recupere non só as grandes historias, senón as pequenas historias particulares que fan entre todas un conxunto do que foi a ser hoxe o noso concello», remarcou a rexedora. E engadiu: «O que nos interesa é que todas as persoas da Rúa que queiran que as súas historias non se perdan na memoria colectiva se dirixan a nós para poder incorporalas». Por iso se invitará á veciñanza a participar en futuras reunións. Ademais, no propio portal de internet hai xa un apartado de colaboracións para que a xente poida rexistrar as súas historias. Non serán visibles de maneira inmediata, senón que serán revisadas desde a dirección do proxecto antes de envorcalas despois para acceso libre.

A presentación da páxina web é só o primeiro paso. A idea é que sexa unha plataforma para ir recollendo historias sobre A Rúa, «aquelas que teñen que ver coa memoria da vila pero tamén con eses lugares que acaban resignificados pola acción do día a día», explicaba Cristina de la Torre. Insistiu na idea de que non busca ser só un portal de fotografías antigas, senón tamén de historias, do pasado e do presente, «relacionadas con como habitamos o concello». O obxectivo é «cultivar certa autoestima dos veciños» e que funcione como referencia para que os novos moradores da vila coñezan o pasado e a historia do lugar no que viven. «O obxectivo é que sirva como espazo de xogo, didáctico e de memoria», engadía De la Torre.

Esa memoria colectiva recollida transformarase despois en roteiros pola vila. Aínda sen concretar á espera de todo o que poida ir xurdindo, hai idea de facelos arredor do viño, dos soutos, dos regueiros e das fontes.