Un acto cívico abre este martes 7 de xaneiro no Panteón de Galegos Ilustres a conmemoración do 75.º cabodano do artista, intelectual e político rianxeiro, que morreu no exilio en Bos Aires
07 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Pode dicirse que, dalgunha maneira, a historia de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao comeza e remata na Arxentina. Aínda que naceu en Rianxo en 1886 e se criou en Galicia, tres feitos marcaron a lume a relación co país austral deste persoeiro clave na cultura e a política galegas: emigrou coa súa familia á Arxentina en 1896 (con só dez anos), volveu despois como exiliado en 1940, e morreu en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950, hai 75 anos.
Médico, escritor, político e artista plástico, case na orde que se queira, pero sempre todo mesturado, podería afirmarse que a médica foi a única das súas facetas que non logrou impoñerse por sobre todas as outras. Dise tamén que o seu paso pola Facultade de Medicina foi, principalmente, para satisfacer un desexo de seu pai máis ca un propio. O mesmo pai que, ao pouco de nacer Alfonso, fixo as maletas e emprendeu viaxe á Arxentina, onde montou unha pulpería (almacén e tenda de venda de produtos varios) en La Cruz Colorada, paraxe desolada no medio da Pampa húmida.
Pese a que regresaron a Galicia despois de cinco anos, Alfonso recordaría nos seus escritos e narracións en reiteradas ocasións esa experiencia en América. Alí naceron súas irmáns, Josefina (1897) e Teresa (1899), e alí asistiu Alfonso á escola primaria. A alusión ás vicisitudes do emigrante foi unha constante nos seus escritos, como tamén á soidade da Pampa. Un exemplo son os relatos O segredo e O inglés que recolle o seu libro Retrincos (1934). A familia Castelao foi das que se consideraron retornados de éxito e, ao seu regreso, o Alfonso mozo realizou denodados esforzos por involucrarse en ambientes galegofalantes e enviou colaboracións a diarios de Bos Aires, onde os galegos conformaban unha enorme comunidade cun forte impulso intelectual.
En 1917 ingresa nas Irmandades da Fala e comeza a asistir ás asembleas nacionalistas. Inicia a andaina das súas ideas, medran o seu recoñecemento público e os contactos cos círculos intelectuais e literarios. Castelao defendía o dereito de Galicia a recoñecerse como pobo con identidade propia. En xullo de 1936 o golpe militar do 36 atópao en Madrid —onde estaba para a entrega do Estatuto galego xa plebiscitado ao Congreso, circunstancia que probablemente lle salvou a vida— e condénao á marcha de Galicia e despois de España. En América é unha figura vinculada ao movemento de solidariedade e defensa da República. E, en 1945, unha vez na Arxentina, traballa para lograr a unidade antifascista de galegos e españois residentes neste país. Se xa fora deputado do Partido Galeguista nas Cortes da Segunda República, Castelao continuou co labor de denuncia da ditadura franquista desde o exilio.
O Guernica galego
Á súa chegada á Arxentina, pintou o que xa é coñecido como o Guernica galego, A derradeira leición do mestre, unha das súas obras máis relevantes polo seu simbolismo —un cadro realizado a partir da estampa número 6 do libro de Galicia mártir (1937), primeiro dos seus tres álbums da guerra—, conservada e exhibida en Bos Aires no Centro Galicia. No lenzo pódese ver o corpo en escorzo dun mestre fusilado velado e chorado por dous pequenos alumnos. Para moitos, a face dese corpo é a do seu amigo e correlixionario —tamén redactor do Estatuto— Alexandre Bóveda, un dos seus compañeiros máis queridos, e que fora fusilado o 17 de agosto de 1936. Precisamente, o pasado 10 de decembro do 2024, o Goberno de España declarou «ilegal e nula» a sentenza a morte de Bóveda, nun xesto de reparación da súa memoria.
Castelao faleceu o 7 de xaneiro de 1950, aos 63 anos, despois de intervencións cirúrxicas infrutuosas como consecuencia dun cancro de pulmón que lle fora detectado a comezos de 1949. Tras un coma, o pasamento ocorreu na habitación 203 do sanatorio do Centro Galego de Bos Aires, que se mantén intacta en homenaxe ao intelectual rianxeiro. Nin entón o réxime de Franco baixou a garda. A nota que distribuíu a Dirección General de Prensa advertía: «[...] La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro Sempre en Galiza ni de los álbumes de dibujos de la Guerra Civil. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente».
O prócer galego foi despedido en Bos Aires na tarde do día 9 por milleiros de persoas nun cortexo de carrozas fúnebres con flores que obrigou a cortar ao tráfico a avenida Belgrano —ás portas do edificio do Centro Galego— para sorpresa de moitos porteños que transitaban a rúa naquela fría mañá invernal. Castelao foi sepultado no Panteón Galego do cemiterio da Chacarita.
Máis de 30 anos despois, en 1984, a Xunta (cun Goberno de Alianza Popular) trouxo os seus restos mortais para depositalos no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, en Compostela, en medio de protestas de grupos de esquerda que expresaban o seu descontento en tanto que consideraban os conservadores no poder —liderados por Xerardo Fernández Albor— como a antítese do que soñara e representaba Castelao. Desde ese ano, as medallas que entrega o Goberno autónomo para distinguir personalidades e institucións que polo seu traballo engrandecen o país levan o nome de Castelao. A cerimonia celébrase cada 28 de xuño, coincidindo cun dobre aniversario: o da aprobación do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, en 1936, e o do regreso a terras galegas dos restos mortais de Castelao.
A Xunta declarou no 2011 a obra de Castelao ben de interese cultural inmaterial «sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego».
Un grande acto cívico conxunto en Bonaval abre heste martes a conmemoración do seu 75.º cabodano.