Bergantiños afiánzase como berce da regueifa cos Premios Galegos de La Voz
CULTURA
A improvisación oral tomará este sábado pola tarde, das 18.00 en adiante, o Pazo da Cultura de Carballo
10 ene 2025 . Actualizado a las 19:16 h.Cando o pontecesán Jesús Lema García, Suso de Xornes, empezou a botar as súas primeiras coplas, a coristanquesa Lupe Blanco aínda non nacera. El é do 1957, ela do 1980, pero tempo andado atoparíanse enriba e abaixo dos escenarios como dous dos mellores representantes da regueifa da comarca coruñesa de Bergantiños. Para Lupe, Suso é un mestre; para Suso, Lupe é unha revolución, talentoso aire fresco que non só amosa que a regueifa foi e é tamén cousa de mulleres, senón que soubo conectar estas poesías retranqueiras coas novas xeracións de aquí e de acolá.
Bergantiños é o berce da regueifa, e a regueifa, un xeito de improvisación oral, moi probablemente o único que segue vivo en Galicia, cada vez con máis forza. Unha tradición que bota raíces na Idade Media e que consiste no intercambio de afiados versos octosílabos, con rima, asonante ou consonante, entre o segundo e o cuarto. Nada prepara o regueifeiro, todo é improvisado, poesías que saen no momento e que tanto poden falar dos males do mundo como, simplemente, querer poñer ao outro colorado.
Regueifa como ferramenta de construción e tamén como «pan para a lingua», orgullo para o idioma galego dende a oralidade. Con todo ese legado, e como xeito de recoñecemento a históricos regueifeiros do século XX, La Voz de Galicia promove para a tarde deste sábado, dende a súa delegación de Carballo, unha nova edición dos Premios Galegos da Regueifa: 18.00 horas, Pazo da Cultura, acceso de balde. Será a cuarta, contando co apoio da Consellería de Cultura, Nauterra e o Concello de Carballo.
A regueifa como arte popular de improvisación oral tivo nas vodas, e aínda segue a ter nalgunhas, un dos seus mellores espazos. Regueifa, verba árabe, non só facía referencia, de feito, a esa batalla dialéctica, senón mesmo a un bolo de pan que entregaba a noiva ou ata a un baile. Non é o único xénero de improvisación oral na comunidade, mais o último brindeiro do Courel morreu hai cousa de seis anos, os xenerais do Ulla aprenden hoxe os seus atranques, as bombas de Vilariño de Conso teñen marxe para ser pensadas, e os desafíos das aldeas da raia xa só quedan, de xeito testemuñal, en recollidas.
A regueifa, pola contra, segue a existir, en vivo, en directo, conquistando espazos que foron dende as tabernas aos escenarios, a televisión ou os centros educativos, nos últimos anos convertida en panca educativa de man de proxectos como Enreguéifate, entre outros. Aquela manifestación que só se daba por Bergantiños remocea vizosa hoxe por toda Galicia, por máis que a comarca de orixe ou puntos como o sur de Pontevedra, co importantísimo papel da Asociación Oral de Galicia (Valadares, Vigo), sigan sendo puntos referenciais. Por ofrecer contexto, no País Vasco teñen bertsolaris, en Cantabria fan coplas, en Cataluña glosas, en Murcia Trovos e en Andalucía décimas ou quintillas.
A regueifa está salvada, mais isto vén a significar que algún día estivo a piques de morrer. No 2013, cando a Deputación recoñeceu esta tradición cultural co premio Rosalía de Castro, só quedaban «catro gatos», en palabras que ten pronunciado Suso. El mesmo, Antonio de Xornes, Fermín da Feira Nova e Guillermo da Rabadeira, os dous últimos de Coristanco. Fermín faleceu xustamente no 2013 e Guillermo no 2016, co cal Suso e Antonio tremaron como poideron, ata que chegou, hai cousa de oito anos, o ciclón Lupe Blanco, gañadora destes Premios Galegos nas tres edicións celebradas.
Un regueifeiro nace ou faise? Pode que certo talento veña de ADN —Suso é sobriño do vello Mandián, Lupe bisneta de Blanco de Muíño Seco—, mais hai hoxe por toda a comunidade unha rede de obradoiros e mesmo escolas específicas. Nacía en marzo do 2023 a de Carballo, de iniciativa municipal, forxando talentos dende a capital bergantiñá, e proba diso verase esta tarde. Un espectáculo único, sen saber que pasará: todo é improvisado.
Dez voces neste Espalla Rimas 2025, dos vinte aos case 70 anos
Entre os 21 anos de Cristian Gómez Mesa (Burela) e de Nuria Penas (Vila de Cruces), e os 69 que xa terá cumpridos este sábado Paco Felípez (Vilela, Carballo), hai todo un mundo de idades nos dez regueifeiros e regueifeiras que participarán desta volta nos Premios Galegos de Carballo, tamén chamados Espalla Rimas. Estarán eles tres, pero también estarán Suso de Xornes e Lupe Blanco, así como o coruñés Daniel Vilas, Chaminho, moi ligado ao ámbito do hip-hop; o malpicán-coristanqués Óscar García Pombo; a coruñesa de nacenza Carme de Lonxe, hoxe afincada en Portosín; o carballés Alberto Liñares; e a carballesa, coristanquesa e cabanesa Yéssica Nantón. Estudantes, xubilados da banca e da Garda Civil, mariñeiros, transportistas, docentes e artesás: profesións moi diversas as que teñen e que amosan que non hai un único mundo posible para achegarse á regueifa. Todos comparten o terapéutico deste xénero de improvisación oral, xa non só para a lingua galega, senón para un mesmo no pesoal: destrezas sociais, comunicación, axilidade mental e, dende logo, risas, ledicia e identidade. Dez nomes que seguirán sumando historia a un encontro que no 2024 fixo quedar pequeno o auditorio de Carballo.
Esta cuarta edición dos Premios Galegos da Regueifa terá a compaña de Pandereiteiras Sen Fronteiros, Pan Sen Fron. Con Xurxo Fernandes á fronte, auguran festa. Trae este 2025, por outra banda, novidades ao concurso Espalla Rimas. Haberá un xurado integrado por cinco personas —Manolo Maseda, Carme Pereiro, Xosé Manuel Varela, Carlos Alonso e Olalla Liñares—, mais por vez primeira a última palabra teraa o público. Unha vez que o xurado, coas súas decisións, deixe no escenario aos finalistas, os espectadores decidirán. Á palestra sairán, por certo, variados temas de controversia, todos de actualidade.