Mexillóns

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

14 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidiu que en varios momentos deste Nadal 2024 e en situacións de fartura compartida, achegáronse os mexillóns á nosa mesa. A verdade é que moitas veces o teño pensado pero ningunha vez deixei por escrito que, dende o meu humilde entender, estes moluscos bivalvos mariños na modalidade galaica, son un auténtico manxar propio de deuses. Estamos a falar, sen dúbida posíbel, dun produto gastronómico de primeira calidade, cun enorme valor nutricional, de proximidade e que ademais é capaz de casar case que con todo dada a súa versatilidade. A súa preparación acepta múltiples xeitos e se o produto é de calidade, é extremadamente raro que poida decepcionar.

Eu son dos que opino que ao vapor, cunhas follas de loureiro e unha pinga de limón é case que a perfección pero tal como os fai a miña muller en escabeche subimos un chanzo máis.

Dende o tempo dos nosos antepasados celtas e seguro que antes tamén, existe constatación arqueolóxica de que xa comían nestas terras produtos mariños a esgalla entre os que por suposto estaban os mexillóns. Trátase de aproveitar o que nos vén dado, xa que é abundante nas nosas costas e de sempre tivo unha importante aceptación popular. Un recurso alimenticio que probabelmente este infravalorado, pero que abofé axudou a tornar moito da fame en épocas difíciles.

Estes bivalvos son coñecidos en todo o mundo, mais en Bélxica son prato nacional. Presumen de preparalos de máis de 300 maneiras diferentes e por curiosidade hai anos pedinlle a un amigo belga que me levara ao lugar máis famoso e especializado de Bruxelas. A verdade é que saben facelo e vendelo ben, e como debe ser danlle moita importancia e ritualismo a toda esta cuestión culinaria do mexillón. Alí probeinos de varias maneiras e estaban ben bos, pero sen desmerecer nin desvirtuar debo dicir que dende o meu parecer, nin punto de comparanza cos de aquí. É certo que foron os cataláns quen nos ensinaron o arte de cultivalos nas bateas a mediados do século XX pero o noso mar é incomparábel e aí é onde está a gran diferenza do produto cos que poidamos atopar en calquera outro lugar do mundo.