Celebración dunha vizosa colleita poética

Ramón Nicolás

CULTURA

De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Antón Reixa, Marta Dacosta, Masha Álvarez, Antonio Seijas, Yolanda López e Vicente Araguas.
De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Antón Reixa, Marta Dacosta, Masha Álvarez, Antonio Seijas, Yolanda López e Vicente Araguas.

Seis obras publicadas nos últimos meses falan da excelente saúde e a variedade de miradas que amosa a lírica galega, tamén da diversidade no sustento editorial

15 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Contra o derradeiro mes do ano 2022, estas páxinas acollían un artigo meu no que revisaba algúns, só algúns, libros de poesía que se publicaran naquel tempo. Entre eles citaba Materia, de Yolanda Castaño que, aos poucos meses, se faría co Premio Nacional de Poesía. Van aquí agora seis títulos entre os publicados neste xénero que, por unha razón ou por outra, chamaron a miña atención.

Comezo por unha antoloxía que, baixo o título de Enciclopedia Perplexidade (escolma poética 1976-2023) (Faktoría K) recolle un bo número de poemas de Antón Reixa nunha óptima edición prologada e seleccionada por Xabier Cordal. É imposible trazar o percorrido da poesía galega última sen o concurso do escritor vigués como testemuña unha prolífica obra que vai desde o Grupo Rompente dos anos setenta ata 2.ª man (2023): Reixa é unha voz imprescindible coa que moitas persoas chegamos á literatura galega. Un víao con frecuencia na rúa Talude de Vigo, pero nunca me atrevín a dicirlle o que admiraba o seu traballo. Queda aquí dito cunha invitación a esta lectura.

Marta Dacosta publicou en Apiario Papaventos abismados, que foi galardoado no cuarto premio de poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo. Desde un título que nos remite ao coñecido xoguete de tea ou papel —talvez evocación da infancia— anoándoo a un momento de abstracción, estantío, ou ao propio abismo e ao baleiro —no fondo tanto ten—, percorre da man da memoria xustamente a perda desta obxectivada na figura da nai, o que posibilita articular un canto conmovedor, sólido e intenso polos eidos que suxiren a chegada da demencia, a realidade dos coidados e tamén do amor e da vida reconstruída coas palabras.

Igualmente galardoado, nesta ocasión co premio Victoriano Taibo 2023, resultou do meu interese Dakota, de Masha Álvarez (Galaxia). Insístese, loxicamente, en que boa parte deste debut está inspirado na estadía da autora en Sioux Falls, Dakota do Sur, e é evidente que o valor do contraste repousa neste libro. Mais, sendo suxestiva a plasmación desas vivencias, tamén o é tanto o proceso de reflexión que abraza respecto da memoria da familia, dos vencellos coas devanceiras e das estremas da xeografía e a identidade, coma a linguaxe puída e áxil coa que se nos transmite a atmosfera xélida de moitos espazos, mais tamén a quentura que outros desprenden.

Fortalece a súa presenza no xénero Antonio Seijas, que ofreceu o seu segundo libro de poesía baixo o título Os oito mitos de Palermo (Aira). Seijas, ilustrador profesional, posúe unha ollada senlleira, pois coa palabra constrúe pontes que posibilitan reconstruír visualmente o que nos suxire. Neste libro convídanos a realizar unha viaxe onírica que transcorre como un desafío que se ergue diante de nós ao tentarmos descifrar que segredos agochan as cidades míticas, converténdoo, ao mesmo tempo, nun diálogo entre o que significan o amor e a morte.

Xénero e reivindicación

A escritora ourensá Yolanda López publicou hai uns meses un novo título —Pecado mortal (o dardo contra a pedra)— en edición bilingüe a cargo da editorial Nuevos Ekkos. Domina nestas páxinas unha tonalidade non sei se melancólica, mais desde logo que combativa e rebelde en forma de recoñecementos, aínda que non só, a voces femininas en ocasións anónimas e descoñecidas e noutros casos a outras máis célebres. Un canto, pois, realizado desde a atalaia do xénero e da reivindicación. Cadro coa visión da prologuista, Isabel de la Cruz, cando trae palabras de Hildergard von Bingen acaídas a este libro: interpretar o mundo usando a propia voz das mulleres. Eis un exemplo.

Para finalizar quero referirme a Ronsel de prata vella (Editorial Juglar), obra de Vicente Araguas, voz que admiro igualmente como poeta, narrador e crítico literario. O escritor nedés constrúe aquí un cántico de amor e memoria baseado nos catro movementos da Sinfonía número 4 de Johannes Brahms, de xeito que en cada unha das partes do seu libro modula o ritmo poético e o musical con sensorialidade e inequívoca sensualidade para concluír na adaptación dun «allegro energico e passionato» nun espléndido texto en prosa que é, entre outras cousas, unha reflexión brillante sobre o amor e o paso do tempo. Que veñan moitas máis así.