A maior parte dos 91 museos galegos ten menos de 5.000 visitantes ao ano e só 11 superan os 40.000
![Montse García Iglesias](https://img.lavdg.com/sc/CoSL4e3EV2hbStnFJeNbkWEKMvg=/75x75/perfiles/112/1623443693081_thumb.jpg)
CULTURA
![Imaxe de arquivo da exposición de Antón Lamazares no CGAC do pasado 2024.](https://img.lavdg.com/sc/3Wqap9LgH4klWK7-znLwkbJYOoY=/480x/2025/01/21/00121737484202166685730/Foto/S_20240223_202811000.jpg)
O Consello da Cultura recolle a necesidade dun plan estratéxico do sector a raíz das consultas cuns sesenta expertos
05 ene 2025 . Actualizado a las 05:05 h.Unha realidade museística diversa e chea de contrastes en Galicia. Así é a imaxe do sector que se extrae da radiografía trazada polo Observatorio da Cultura Galega na súa «Análise da situación dos museos e centros museísticos en Galicia». Dos 91 museos recoñecidos como tales —hai outros 132 que reciben a denominación pero non forman parte do sistema oficial— só dez contan con máis de 600.000 euros de orzamento anuais mentres que un terzo deles —o 34 %— non chega nin aos 50.000. O mesmo pasa coas visitas, a maior parte dos centros non alcanzan os 5.000 visitantes en cada exercicio e practicamente non reciben ningún procedente doutro país. Pola contra, once contaron con máis de 40.000 persoas percorrendo as súas dependencias e sete teñen entre o seu público unha porcentaxe de estranxeiros que supera o 30 %.
A esta realidade baseada en datos hai que engadirlle as consideracións dos aproximadamente sesenta expertos consultados pola entidade ligada ao Consello da Cultura Galega. Neste caso, demandan a elaboración dun plan específico para os museos e centros museísticos. Tamén coinciden os profesionais do sector en reclamar unha maior autonomía para os centros, a maior parte entidades públicas ou que se sufragan con fondos públicos. Así critican «a influencia das motivacións políticas na xestión dos museos, onde se priorizan intereses alleos aos culturais, así como as limitacións na capacidade da xestión das direccións destes, por mor das inxerencias das institucións das que dependen».
![A presidenta do Consello da Cultura e o coordinador do Observatorio da Cultura presentaron este martes o documento sobre os museos](https://img.lavdg.com/sc/EkdojkxENtJCA1Kto9rHjOzkRXs=/480x/2025/01/21/00121737485521489455689/Foto/s_20250121_173718000.jpg)
Esta radiografía do sector «non se fai por sorpresa nin de costas ao sector», resaltou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, que presentou o documento xunto ao coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares. Así, xunto a estatísticas, apuntaron que recompilaron a visión de críticos, comisarios, profesores, artistas... Un traballo que reflicte a evolución positiva nos último 20 anos da oferta cultural galega, coa posta en marcha de novos museos o que a levou a converxer coa ratio a nivel de España, que se sitúa en tres por cada 100.000 habitantes. Tamén medraron os seus fondos, que xa superan os catro millóns, por enriba da media a nivel estatal. En canto aos recursos financeiros, o informe indica que en Galicia hai unha maior dependencia da Xunta, mentres que as achegas da Unión Europea son menos. Tamén incide en que baixou a capacidade de xerar fondos propios a través das entradas. No referente ao persoal, unha cuarta parte teñen dous traballadores ou menos.
O informe revisa, ademais, o interese dos galegas e as galegas polos museos. Neste apartado, reflicte unha tendencia ascendente ao longo das últimas dúas décadas. A pesar disto, máis dun cuarto dos galegos —arredor do 26 %— «segue manifestando un baixo ou nulo interese por estas institucións». O coordinador do Observatorio da Cultura Galega salientou que as cifras de visitantes superan as de prepandemia, con máis de dous millóns de visitantes. Pero pese a que «probablemente estamos no mellor momento da historia, a evolución non é claramente favorable, senón é errática», afirma Casares. As persoas que acostuman a acudir aos museos son máis ben novas, con estudos superiores e residentes en zonas con maior densidade de poboación. Pola súa banda, os expertos e expertas consultadas para este informe consideran que «aínda existe un visión estereotipada dos museos, como lugares pouco atractivos, aburridos e destinados a intelectuais».
Outra das demandas que trasladan as persoas ligadas ao sector consultadas é a dunha maior coordinación entre os museos. Nese senso apuntan que «a coexistencia de administracións con orientacións políticas diferentes dificulta a colaboración entre centros, afectando negativamente a xestión e as políticas culturais». Por último, os profesionais consultados polo CCG amosaron a súa preocupación porque os museos galegos se convertan en espazos máis orientados ao turismo e ás exposicións temporais.