A profundidade do legado de Luis Seoane e Maruxa Fernández

C. P. G. A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Luis Seoane e Maruxa Fernández, nunha imaxe de arquivo.
Luis Seoane e Maruxa Fernández, nunha imaxe de arquivo.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda rescata a memoria de tres publicacións do artista con motivo do aniversario do nacemento da súa muller e gran valedora

25 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitos os que aínda loitan por evitar que o legado cultural de Luis Seoane se perda na néboa. Os que saben e non esquecen todo o que el fixo por elevar e facer avanzar a arte galega en todas as súas formas. Un 24 de xaneiro coma o deste venres, en 1912, naceu Maruxa Fernández López, a súa compañeira de vida e gran valedora. Con motivo da efeméride, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda acolleu na súa sede da Coruña unha homenaxe en torno a tres libros recuperados únicos para entender a profundidade e a amplitude da obra de Seoane.

O primeiro, Acerca da integración das artes (2012), é a tradución ao galego dunha obra, nada en castelán, que o escritor completou nos seus anos de exilio en Buenos Aires. «Levámola ao galego partindo dun exemplar orixinal que me regalara a min Maruxa», conta Rosa Espiñeira, editora dos tres títulos. «É imposible entender a Seoane sen Maruxa. Eu non fago distinción entre un e outro. Por iso facemos esta celebración no día no que ela naceu. Maruxa foi a que loitou para que o legado do seu marido se mantivese vivo na cidade da Coruña».

Detalle do encontro celebrado este venres na sede da asociación Alexandre Bóveda.
Detalle do encontro celebrado este venres na sede da asociación Alexandre Bóveda. Eduardo Pérez

Seguramente, a peza máis singular deste tridente literario é Poemas alumeados (2010), unha recompilación de versos de Seoane acompañada de ilustracións exclusivas de varios artistas galegos. «Cando lles explicamos o proxecto a todos os colaboradores, todos me dixeron que si ao instante polo amor que lle teñen a Seoane», lembra Espiñeira.

Completa a colección Certezas alumeadas (2018), un compendio de textos de Seoane, tanto en verso como en prosa, que inclúe algúns daquela inéditos. «Creo que os seus escritos nunca pasan de moda. Por iso, a miña tarefa é facer que todo o mundo coñeza esta figura da cultura en toda a súa extensión», engade.

Os discípulos

Quen ten hoxe, orgullosamente, a Seoane como un dos seus faros intelectuais sabe percorrer e contextualizar todas as facetas da súa produción. Como pintor, como gravador e como escritor. Un deses adeptos incondicionais é Xabier Correa Corredoira —unha das voces que soaron onte na sede da Alexandre Bóveda—, para o que Seoane sempre foi unha inspiración creativa e intelectual. «Luis Seoane era un mestre con maiúsculas». É a súa primeira reacción cando se lle inquire acerca do artista. «Foi o primeiro pintor de estilo moderno que houbo en Galicia. El e outros grandes da súa xeración sufriron moito coa guerra e coa convulsión do franquismo. Pero, de todos eles, Seoane destacaba pola súa modernidade. Hai algo nel que claramente se separa da pintura clásica», explica.

Pon de relevo Correa Corredoira todas as súas arestas, incluso as menos coñecidas. «Seoane era un humanista polifacético. Como aquelas grandes celebridades do Renacemento. Como gravador de madeira, por exemplo, está á altura dos máis grandes de Europa. Hai creacións súas neste campo que son unha verdadeira tolemia de sabedoría. Tamén era un muralista tremendo. Como escritor, desde logo, tamén ten interese. Sen ter un estilo cegador, consegue ser moi sólido», anota.

O maior temor de Corredoira é que o tempo esborralle os contornos daquilo no que Seoane cría e polo que sacrificou a tranquilidade e a comodidade, abandonando a súa amada terriña cun suspiro que parecía dicir: «Quen puidera non deixar!».

«É o signo dos tempos. Hai moitas figuras, como a súa ou a de Isaac Díaz Pardo, que se están desdebuxando. É case coma se se lle tivese medo ao que realmente foron, xente comprometida e loitadora», laméntase Correa Corredoira, un artista dos que viven coa lembranza inmortal de Seoane sempre na memoria.