Castelao, Asorey e montaxes inmersivas, eixe central do programa do Gaiás 2025
CULTURA
A Cidade da Cultura contará cunha trintena de propostas expositivas este ano e aumentan as súas itinerancias
31 ene 2025 . Actualizado a las 21:23 h.Unha trintena de mostras, instalacións inmersivas e intervencións artísticas conforman a aposta expositiva da Cidade da Cultura para este ano coa intención de continuar a liña ascendente despois de lograr récord de asistentes —261.000— nas actividades culturais no 2024. «Queremos sorprender sempre aos visitantes», afirmou o conselleiro do ramo, José López Campos. A principal aposta serán as instalacións inmersivas e vinculadas ao eido dixital, un universo no que se mergullará a mostra sobre Castelao, unha das grandes protagonistas coincidindo co 75.º aniversario do seu pasamento. Tamén medran as itinerancias, con proxectos expositivos que deixan o Gaiás para achegarse a cidades e vilas galegas. «Temos que levar a cultura ao territorio, que o lugar onde un viva non sexa un obstáculo», incidiu o conselleiro na presentación das propostas acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. O terceiro piar da programación será a posta en valor do patrimonio cultural e artístico galego. Unha trintena de propostas que, segundo apuntou Ana Isabel Vázquez, poden incrementarse.
Eido virtual no gaiás
«Orixes». Será a primeira proposta en abrir as súas portas a finais deste mes no Museo Gaiás. Trátase dunha instalación inmersiva para descubrir a evolución da vida no Planeta. Haberá desde dinosauros ata reflexións sobre o impacto da humanidade nos ecosistemas naturais.
«Castelao». Ofrecerá un percorrido interactivo e inmersivo pola obra gráfica do escritor, artista e político de Rianxo. Os visitantes poderán interactuar con el da man das últimas tecnoloxías de intelixencia artificial. Para este proxecto contarán con expertos académicos. A pretensión é achegalo á xente máis nova, pero tamén ao resto da sociedade, «de xeito que sexa esa figura icónica, próxima, que nos explique cal foi o fundamento do seu pensamento, a súa obra», dixo López.
Galiverso. A gran fiestra dixital aberta ao patrimonio galego incorporará a mediados de ano unha nova experiencia.
«Mundo expandido». En decembro chegará o proxecto expositivo en colaboración coa Fundación Telefónica que mergullará ao visitante nos límites entre a realidade física e os mundos dixitais. Incluirá instalacións interactivas de recoñecidos artistas.
arte galega
Rafael Úbeda. Unha retrospectiva permitirá percorrer a traxectoria de sete décadas do artista pontevedrés. De abril a setembro exhibiranse medio cento de óleos e debuxos, ademais de gravados, catálogos de autor e outra documentación persoal do artista.
Boris Savelev. O fotógrafo ucraíno que se asentou en Vigo nos últimos anos tras abandonar o seu país ao inicio da guerra ofrece nas súas imaxes visións únicas das cidades, tendo especial protagonismo o seu traballo na Unión Soviética a partir dos anos 70 do século XX. A mostra, de xuño a novembro, achegará seis décadas da traxectoria dun artista con obra no museo MoMA de Nova York.
Asorey. O Gaiás poñerá o foco a partir de outubro nun dos grandes renovadores da arte escultórica española do século XX. Irá moito máis alá da obra monumental do artista galego, e incluirá tamén escaiolas, cerámicas, debuxos, ademais de ferramentas de traballo.
Patrimonio bibliográfico
Na Biblioteca e o Arquivo de Galicia. Á exposición que abriu onte no Gaiás dedicada a Xosé Vizoso, uniránselle outras sobre mulleres artistas, as Letras Galegas, historias do ensino en Galicia, as mulleres na obra de Castelao e os 130 anos de cinema en Galicia.
Arte no exterior
Torres Hejduk e Bosque de Galicia. As torres acollerán unha intervención de Irene Molina e unha obra de Ramón Conde incorporarase ás zonas verdes do Gaiás.
Itinerancias
De A Coruña e Vigo ata Redondela e Madrid. As mostras da Cidade da Cultura viaxan a outras cidades e vilas. A Coruña (na sede de Afundación) contará co proxecto de realidade virtual Hábitats, que esgotou entradas tras recibir preto de 10.000 persoas no Gaiás. O Museo do Mar de Vigo acollerá a mostra fotográfica de Nicolás Muller en Galicia e tamén unha versión de Unha vida viquinga, que se converteu na terceira exposición máis vista do Gaiás. Outras historias posibles recalará en Pontevedra; A Vía da Prata. Aires do Sur, en Madrid; O Camiño portugués. Lembranzas de mar e pedra, en Baiona; e Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, en Ponteareas.