As denuncias contra Curros por herexía e blasfemia chegan ao teatro

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Cándido Pazó, á esquerda, anunciou que volverá achegarse á figura de Curros en próximos proxectos.
Cándido Pazó, á esquerda, anunciou que volverá achegarse á figura de Curros en próximos proxectos. Alberte Paz

A montaxe «O proceso» toma como base a causa do bispo de Ourense contra o poeta tras a publicación de «Aires da miña terra»; Celanova acolle este vernes 7 a estrea absoluta da peza

05 feb 2025 . Actualizado a las 15:26 h.

Nun distante 1877, Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851-A Habana, 1908) gañou un certame poético en Ourense co seu manuscrito A Virxe do Cristal. Unha composición —que recollía a devoción pola pequena virxe que se venera en Vilanova dos Infantes e cuxo orixinal está en paradoiro descoñecido dende o roubo da peza e o asasinato do párroco— que fixo que o escritor e xornalista se instalase na capital da provincia. Relación, a de Curros con Ourense, que axiña virou de xeito brusco cando tres anos despois publica unha das súas obras máis coñecidas: Aires da miña terra (1880).

Aí comezou o seu particular calvario. Ao entón bispo da diocese de Ourense, Cesáreo Rodrigo Rodríguez, non lle gustaron dous dos poemas do libro e promoveu un edicto acusando ao escritor de herexía e de atacar a moral cristiá. Da órbita relixiosa, a iniciativa pasou ao Goberno Civil, e de aí á Xustiza. Non lle foi ben a Curros o xuízo na cidade —foi condenado a dous anos, catro meses e un día de prisión—, aínda que zafou na apelación ante a Audiencia da Coruña grazas á intervención do ilustre xurista e político Luciano Puga Blanco —tamén orixinario de Celanova—.

Aquel episodio que marcou a vida de Curros chegará agora ao circuíto escénico grazas á obra de teatro O proceso. Un proxecto creado a partir dun texto de Cándido Pazó —que tamén asumiu a responsabilidade de dirixir a montaxe— que será realidade grazas ao grupo Malasombra. A proposta contou coa axuda da axencia autonómica Agadic e o apoio da Deputación de Ourense, o Concello de Celanova e a Fundación Curros Enríquez. Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carballal son os actores. A estrea absoluta da montaxe será este venres día 7 a partir das 20.00 horas no auditorio Ilduara, da vila celanovesa.

Da paixón legal a Alonso Montero

Na presentación do proxecto de O proceso, o rexedor de Celanova, Antonio Puga —avogado de profesión—, salientou entre outros aspectos a faceta procesual. Referiuse ao traballo dos dous avogados que defenderon a Curros, José María Paz e Luciano Puga, e lembrou que no proceso da Coruña quedaron claros tres aspectos: «El baseou a súa defensa na separación dos Estados e na inxerencia da Igrexa católica, no feito de que non se atentara contra o Código Penal e na propia esencia do idioma galego, demostrando que expresións no mesmo non tiñan a correspondencia que se lle atribuía en castelán».

Cándido Pazó, que subliñou que a montaxe aposta pola clave de comedia e de achegar ao público «un espectáculo simpático», desvelou que a orixe de todo estivo nun proxecto que estaba a desenvolver sobre Pondal. Foi entón cando Alonso Montero lle fixo ver que, así como de Pondal e Rosalía xa se fixeran propostas teatrais, Curros Enríquez seguía á espera de que se ocupasen del. Pazó sinalou que o proceso ao que foi sometido o poeta xa era unha obra de teatro en si mesma, «aínda que había que darlle forma; o material para esta peza estaba feito, pero o teatro é condensación», apuntou. Tamén recoñeceu que tratou de darlle ao texto un xeito especial «para retratar timidamente a fala ourensá». O actor e director dixo que O proceso é unha pequena achega á figura de Curros, sobre a que anunciou que volverá nun futuro próximo.