
O grupo Luar na Lubre agarda logralo para o seu 40.º aniversario
07 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Confesa Bieito Romero, a alma máter de Luar na Lubre, que conta «cun disco raiado para contestar unha pregunta que sempre aparece». Trátase da do significado do nome do grupo. O primeiro termo, luar, ten a súa entrada no dicionario da RAG («luz do sol reflectida pola Lúa, que ilumina a Terra durante a noite»). Pero o segundo, lubre, carece dese recoñecemento oficial. A palabra serve para designar o «bosque ou lugar sagrado onde os druídas celtas celebraban os seus cultos á luz da lúa». Esa idea fascinou a Romero cando a descubriu, descrita desa maneira, mergullándose no dicionario de Xosé Luís Franco Grande publicado por Galaxia en 1968.
Sobre iso, Bieito Romero escribiu en setembro do 2022 na columna que ten todos os martes na sección de Cultura de La Voz. Nela falaba da orixe do nome da formación e a súa situación actual, onde aparece como topónimo de dúas localidades da provincia da Coruña (en Ares e en Bergondo), pero sen o respaldo da RAG no seu dicionario. O texto removeu a cuestión mil veces exposta, deixando unha explicación negro sobre branco do tema. «Levamos 2.500 concertos en 50 países diferentes, e practicamente en todos hai que falar diso», ri Bieito. A todo iso hai que sumar as entrevistas con xornalistas, onde esa interrogante é un clásico. «Contesteina miles de veces», asegura. E todo para facer unha busca en Google do significado de lubre e que, na segunda entrada, saia en castelán: «Lubre quiere decir brillo, resplandor en lengua gallega».
«Cando se publicou aquela columna púxose en contacto comigo Navia Franco, unha das fillas de Franco Grande, para agradecer o texto —lembra Romero—. Tamén falou da posibilidade de intentar o recoñecemento dunha palabra que está viva, aínda que non ten ese recoñecemento. A nós parecíanos moi interesante, porque estamos a piques de cumprir 40 anos como banda. Sería moi bonito que iso puidese facerse realidade para entón».
O aniversario será no 2026 e está previsto editar un disco. Titularíase ese álbum Lubre no caso de que a iniciativa prospere? «Pois non o pensara, pero pode ser unha boa idea», admite Bieito, que xa está inmerso na súa particular campaña. O próximo 15 de febreiro, Luar na Lubre actúa en Vigo (Teatro Afundación, 20.00 horas, entradas desde 24,20 euros). «Aínda que naceu en Tomiño, Franco Grande desenvolveu unha boa parte da súa carreira en Vigo, e o 17 de febreiro cumpriría 89 anos. Ese día faremos unha particular homenaxe e falaremos diso», adianta. Xa contan co respaldo do alcalde da cidade, Abel Caballero. «Recibiunos e pareceulle unha iniciativa fantástica», comenta, indicando que todos os recitais que fagan en Galicia este ano terán esa reivindicación. «Eu creo que é perfectamente factible. Tanto nós coma a familia de Franco Grande estamos ilusionados con iso», conclúe.