Xosé Vizoso, o deseñador da Galicia industrial e festiva das últimas décadas

X. M. Palacios / m. CUADRADO LUGO, VIVEIRO / LA VOZ

CULTURA

David Pintor

Traballou en Sargadelos e foi autor de numerosos carteis e portadas

10 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Vizoso, falecido na noite do sábado ao domingo na súa casa de Brión, foi un deseñador de longa traxectoria. O seu traballo tivo unha ampla repercusión na industria, pero tamén na cultura, xa que moitas das súas creacións, relacionadas co seu traballo e coa súa irrefreable paixón de artista, foron, por exemplo, portadas de libros.

Xosé Vizoso naceu en Mondoñedo en 1950. A súa infancia e xuventude marcaron o seu posterior rumbo, xa que no instituto mindoniense foi alumno de Juan Puchades, escultor valenciano que chegara pouco antes cunha praza de profesor. Se Puchades —que tivo entre as súas creacións máis coñecidas a estatua de Álvaro Cunqueiro da praza da catedral de Mondoñedo— soubo ver e encarrilar o talento do mozo Vizoso, a base vital forneceuno con argumentos que pasarían despois aos seus deseños: seus foron, por exemplo, moitos dos carteis das San Lucas mindonienses.

Sen chegar aos vinte anos, Vizoso iniciou a súa relación con Sargadelos. Para iso, mandou unha carta na que amosaba o seu interese por formarse nesa fábrica. Igual que Puchades formou o Vizoso mozo, Isaac Díaz Pardo foi fundamental na súa madurez. Vizoso foi un piar no deseño do proxecto que Díaz Pardo puxo en marcha na Mariña a finais dos sesenta, e tamén colaborou con outras iniciativas: numerosos libros de Ediciós do Castro saíron do prelo con portadas que el deseñou.

A súa relación con Sargadelos mantívose ata o final. A finais dos oitenta, mesmo se trasladou a Santiago para traballar nas instalacións nas aforas da cidade, nas que tiña tamén a súa sede o Instituto Galego de Información, alentado igualmente por Díaz Pardo. Mesmo xubilado, Vizoso seguiu deseñando. Carteis das San Lucas ou da romaría de Santa Minia, en Brión, onde levaba anos vivindo, demostraron estes últimos anos que a súa paixón polo deseño seguía viva, igual que cando era novo.

As súas raíces, na súa obra

A longa estadía de Vizoso en Sargadelos colocouno na primeira liña do deseño e serviulle para coñecer obras doutros creadores, cuxa influencia nas súas propostas parece evidente.  O caso de Vizoso resulta un exemplo de fusión de vida e obra, non só pola súa longa dedicación a Sargadelos, senón tamén pola retroalimentación que se observa entre unha e a outra.

Incorporou ás figuras de Sargadelos os cabalos das San Lucas do seu Mondoñedo natal, o que constitúe, pola súa parte, unha mostra de apego a unhas raíces que sempre conservou e coidou.  Doutro lado, aos deseños de carteis que realizou, en moitos casos relacionados coa súa faceta persoal, imprimiulles o inconfundible selo de Sargadelos: os carteis das San Lucas, da romaría de Santa Minia, da feira do bonito de Burela ou da queimada de Cervo, municipio onde viviu durante anos, recollen o selo de Sargadelos e a pegada de Vizoso. Nestes traballos, en calquera caso, si hai unha riqueza de cor que case parece exuberancia, fronte á sobriedade da cerámica, que adoitaba apostar polo branco e o azul, con algunhas variantes nalgúns casos, como marca da casa, ata converter esa austeridade en selo inconfundible.

Menos coñecida, pero non menos apreciada polos que seguiron de preto este traballo, é a súa participación en escenografías. En 1994, no Teatro Nacional de Budapest, Ricard Salvat estreou a obra A traxedia do home, de Imre Madách. A Isaac Díaz Pardo, que tivo unha relación con Vizoso que transcendeu o profesional para callar en amizade, correspondíalle o deseño da escenografía, aínda que foi a súa man dereita en Sargadelos quen asumiu a maior parte do proceso. Ese achegamento ao teatro non sería o único: despois, virían, por exemplo, colaboracións coa compañía de teatro Os Quinquilláns.

Nos anos setenta, Vizoso acadou premios, como, por exemplo, un segundo no certame de escultura convocado en Lugo polo bimilenario da cidade. Xa na madurez lle chegaron recoñecementos máis persoais: a década pasada, o Concello de Mondoñedo, fíxoo fillo predilecto.

O seu falecemento veu producirse mentres o Museo de Lugo e a Cidade da Cultura acollen cadansúa exposición repasando a traxectoria do mindoniense. Na inauguración de Santiago estivo presente, o que lle permitiu reencontrarse co seu mestre Puchades.  O seu recoñecemento máis recente chegoulle este mesmo ano, cando foi elixido como protagonista polo Día da Ilustración. Foi esa unha distinción singular, dado que normalmente son artistas xa falecidos os escollidos para esta homenaxe.

As reaccións á morte de Vizoso non se fixeron esperar. As corporacións de Mondoñedo e de Brión amosaron o seu pesar pola morte do artista, do que recordaron, tamén, a súa dimensión persoal.