![](https://img.lavdg.com/sc/o86WjwwXJrasMcatmpVQKyWKLog=/480x/2025/02/09/00121739130268752167312/Foto/vr_h.jpg)
Ademais das atrocidades de Stalin, algo en común tiñan os bolxeviques e os nacionalsocialistas: aqueles formularon a súa revolución en termos horizontais (a loita de clases) e estes en termos verticais (a loita de razas). Se Nietzsche erguera a cabeza e puidese comprobar, trinta anos despois de espichar, o que a tropa de Hitler fixo do seu concepto de Übermensch (superhome), de certo que pedía volver ao sepulcro. Entre outras cousas, o sublime concepto nietzscheano, prostituído na vitriólica diarrea verbal do Führer, serviu para calcar o seu antónimo, moi caro aos nazis e a súa idea de pureza racial, o de Untermensch (infrahome ou subhome), etiqueta que valía o mesmo para enfermos mentais, discapacitados físicos, persoas con síndrome de Down e demais lixo ofensivo ao prototipo do Übermensch ario, é dicir, un cacharro de un metro noventa, musculoso, louro e a pel clara.
Unha vez que frei Mendel, cos seus chícharos e un xenio talvez divino, deixou establecidos os principios da xenética, era cuestión de tempo que, dos chícharos e os cans, se pasara a experimentar cos seres humanos na procura do seu perfeccionamento (as itálicas son miñas), aberración denominada euxénese. A película La virgen roja (Paula Ortiz, 2024), ao meu xuízo unha obra de arte que recupera a truculenta historia da ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira e a súa filla Hildegart, pon en negro sobre branco a prometeica tentación de perfeccionar o xénero humano consciente e artificiosamente. Nunha sobrecolledora escena do filme, Aurora (Najwa Nimri en estado de graza) sinala a Hildegart tres zonas anatómicas do corpo desta, relacionándoas coa doutrinas máis progresistas daqueles anos: Freud no sexo, Nietszche no corazón e Marx na cabeza, un torvo anticipo da localización, pouco tempo despois, de tres tráxicos balazos. A supermuller, na que Aurora proxectou converter a filla, é un remedo contemporáneo de cousas moito máis atroces. Heim Hochland foi a primeira instalación da SS para a depuración e expansión da raza aria. Los niños de Himmler (Tusquets, 2025), última novela da escritora belga Caroline de Mulder, é unha descarnada inmersión naquela vesania. Porque a pretensión de depurar de defectos o ser humano é ignorar a súa esencia.