Abe Rábade pon música ás cores: «O poder de evocación é brutal»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O intérprete e compositor Abe Rábade (1977), practicando ao piano na súa casa en Santiago.
O intérprete e compositor Abe Rábade (1977), practicando ao piano na súa casa en Santiago. Paco Rodríguez

O pianista compostelán presenta este xoves no Teatro Principal de Santiago o seu novo disco, «Tempo de cor»

13 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«En cada cor baila a nosa luz agarrada á nosa sombra», escribe Abe Rábade (Santiago, 1977) ao final do álbum Tempo de cor (Karonte). E para facilitar esa danza, o compositor e pianista ponlle banda sonora a cada cor. Deste xeito, continúa na senda dos discos monográficos. Empezou cun sobre fotos en branco e negro, Playing on light. Seven Sounding Photos (2006), e retomou este camiño dezaseis anos despois en Botánica, con composicións a partir da vexetación autóctona galega. Agora, a inspiración está na psicoloxía da cor con sete composicións que remiten á capacidade de suxestión do vermello, o laranxa, o amarelo, o verde, o azul, o morado e o branco. «A música ten moito poder de evocación e, se a asocias ás cores, é brutal», afirma o músico de jazz.

Neste décimo sexto traballo, Abe Rábade regresa ao formato trío xunto a Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería) despois de terse mergullado en Botánica (2022) nun octeto. Na noite deste xoves día 13 o trío interpretará Tempo de cor en Santiago (Teatro Principal, 20.30 horas). Pero non só serán os tres músicos os que poñan cor sobre o escenario a través da música, senón que tamén participará a artista plástica santiaguesa Beatriz Sáa, que fará unha performance tras pintar obras que ilustran a carpeta do disco físico.

Por que elixir as cores como inspiración? «Son unha das máximas expresións da simboloxía. Poden evocar cousas moi antitéticas. Por exemplo, a cor vermella representa ao Partido Republicano nos Estados Unidos, que está coqueteando co fascismo, mentres que aquí representa a ideoloxía liberadora das esquerdas. Entón, tirando dese fío exploras todas as cores», responde Rábade. Estudando a visión histórica de cada cor, a percepción psicolóxica que existe sobre ela e deixándose levar pola súa propia imaxinación, foi como este músico de jazz procurou un xogo sinestésico combinando son e imaxe mental.

Abe Rábade apostou por cores «cargadas se simboloxía e de historia» que o levaron a destinos moi diversos. En Esmeralda parte de que Gustav Mahler asociaba o verde ao sentimento amoroso. A partir dese concepto transcribe as notas que hai na fala dunha psicanalista brasileira sobre o amor, dando como resultado unha bossa nova. O vermello derivou no tema máis agresivo, Terras de sangue; mentres que o amarelo converteuse en Vía Solleira, unha homenaxe a un dos seus pianistas favoritos, Keith Jarrett, con sonoridade de blues e góspel.

O azul transformouse en Mar de palabras; e o laranxa, en Cúrcuma, amosando a vitalidade a través dun tango flamenco. Un tema que lle está dando moitas alegrías a Rábade: «Estase escoitando moito en Estados Unidos, Xapón e Alemaña», celebra. Pola súa parte, o morado convértese nunha balada lenta na peza Ollada serena, mentres que o branco transfórmase na hipnótica Coroas de néboa. Tras o concerto en Santiago, Abe Rábade continuará pintando con música a toda cor en terras de Sevilla.