Alexandre Cadarso: «Sempre se cita á gaita e á pandeireta, pero en Galicia tamén hai violín»

Montse García Iglesias
MONTSE GARCÍA SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

O músico e profesor documenta a música do instrumento de corda no país

14 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Profesor de gaita na asociación Follas Novas e con longa traxectoria ligada á música tradicional galega, Alexandre Cadarso, Cano, (Santiago, 1961) pousou a ollada desta volta no violín coa publicación de Co violino ao carrelo, un traballo no que documenta a presenza deste instrumento de corda na música popular do país ao longo de séculos. «Trátase de poñer en relevo o violín na música tradicional galega. Sempre se cita á gaita e á pandeireta, pero tamén existía o mundo do violín», recalca Cano, que con anterioridade dedicara libros tanto á gaita como aos cantos de taberna.

O interese de Cano polo violín comezou, paradoxicamente, lonxe de Galicia. Diso hai uns seis anos, cando estaba impartindo clases de gaita en California e unha alumna lle pediu que o acompañara a unha aula de violín. O mestre animouno a coller el tamén o instrumento. Unha toma de contacto que deixou pegada en Cano xa que tras o regreso a Galicia continuou aprendendo. Ademais, comezou a mergullarse no estudo pola curiosidade de como este instrumento de corda, sen ser orixinario de Galicia e estando asociado á música académica, acabou formando parte da tradición. Tamén o motivou o feito de recompilar un repertorio tradicional galego para violín, así como o obxectivo de dar a coñecer o legado que deixaron durante séculos os músicos itinerantes que o tocaban —a maioría das veces persoas cegas— e a súa pegada no folk da actualidade.

Para facer este repaso, Cano comeza percorrendo a historia do violín e reunindo iconografía que amosa a súa presenza no país desde hai séculos. Cita, por exemplo, o caso do tímpano da igrexa de San Miguel do Monte, en Chantada. Nel aparece un músico tocando un instrumento de corda, outro cun pandeiro e un bailarín. A esta representación, que podería ser a máis antiga ao ser dos séculos XI-XII, únenselle referencias noutros templos, incluída a catedral de Santiago. Tamén recolle a presenza nunha pintura de Castelao.

Outro dos apartados relevantes da publicación son quince pequenas biografías de músicos itinerantes que tocaban o violín desde mediados do XIX ata finais do XX. «Este instrumento quedou relegado no Medievo aos romances e tamén ás persoas cegas, que ían con eses romances ás feiras e aldeas», detalla o autor, apuntando que no século pasado «había certa competencia nas feiras» entre os que tocaban o violín e os gaiteiros. Este repaso comézao a mediados do século XIX con don Adolfito, un santiagués fillo dun avogado que tivo problemas de desamores e decidiu poñerse a tocar, sendo moi coñecido en Asturias e Cantabria. O último da lista é Xan da Maía, que en torno ao 1950 chegou a Negreira. Polo medio, nomes como o de Florencio, o cego dos Vilares, —«é o que causa furor entre os folkies e os que tocan agora o violín»— e Eladio dos Muíños, que morreu en 1999.

O santiagués completa o traballo recompilando repertorio para violín. «Nos cancioneiros tradicionais había moita música para zanfona e violín; hai pezas que aínda que se tocan coa gaita, como Carmiña, Carmela, son de violín», afirma Cano, que quixo reunir temas que se adaptan a este instrumento de corda.