Un catálogo recompila os exemplares do semanario galeguista «Ser» que foron propiedade de Alexandre Bóveda

CULTURA

Tivo unha efémera existencia, de apenas un ano, pero polas súas páxinas pasaron os máis importantes intelectuais e políticos galeguistas da época. Foi o 30 de marzo de 1935 cando en Santiago de Compostela se lanzaba o primeiro número de Ser, un semanario que levaba por subtítulo Semanario Gallego de lzquierdas e que se caracterizaba por amosar unha liña política claramente galeguista. «Esta publicación saía cada sábado e imprimíase na editorial de Ánxel Casal, situada en Nós. A dirección corría a cargo de Ramón Suárez Picallo, mentres que a maquetación era obra de Seoane», lembra Roberto Taboada na introdución de Ser (1935).
O investigador pontevedrés acaba de editar un catálogo no que recompilan os exemplares deste seminario que no seu día foron propiedade de Alexandre Bóveda e que na actualidade forman parte dos fondos da Colección Taboada. «Os 21 números que se recollen neste libro, que van do 4 ao 33, foron de Alexandre Bóveda, quen estaba subscrito ao semanario mentres residiu en cidades como Cádiz, Madrid e Vigo. Desde o ano 2015, estes exemplares forman parte da colección privada de Roberto Taboada», engádese no prefacio da publicación.
Tras precisar que Ser contou cunha tirada inicial de cincocentos exemplares, o estudoso pontevedrés destaca que polas súas páxinas desfilaron as firmas e colaboracións de intelectuais do talle de Eduardo Blanco Amor, Roberto Blanco Torres, Manuel Colmeiro, Plácido R. Castro, Xoán Carballeira, Lois Peña Novo, Emilio Pita, Eliseo Pulpeiro, Valentín Paz Andrade e Camilo Díaz Baliño. De igual xeito, participaron desta iniciativa, entre outros moitos, Ánxel Fole, Francisco Fernández del Riego, Osorio Tafall, Luís Manteiga, Carlos Maside, Luis Seoane, Antón Villar Ponte e Castelao.
Portada de Maside
De feito, a portada do catálogo reproduce unha caricatura do autor de Sempre en Galiza asinada por Maside, mentres que na contraportada aparece un dos debuxos que o propio Castelao fixo para o semanario —que se publicou ata uns meses antes do golpe de Estado franquista de 1936.
A lo longo de toda a súa existencia, o semanario «abordou temas como as posibles reformas da Constitución da República para dar resposta ás demandas das comunidades históricas, as alianzas entre os partidos de esquerda, así como a situación da CNT e dos sindicatos, e tamén aspectos relacionados co ferrocarril e a universidade», segundo recorda o catálogo reflectindo o contido doutras publicacións referidas ao semanario Ser.