Dalí en Compostela

CULTURA

16 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Afinais dos anos setenta do século pasado, o pintor Salvador Dalí, fascinado polos xeitos expresivos do movemento hippy, propúxolle ó exbeatle John Lennon percorrer xuntos o Camiño de Santiago, seguidos por unha morea de peregrinos floreados. Foi o xornalista galego Antonio D. Olano, afincado en Madrid, o primeiro que deu conta desta peculiar xuntanza, informado polo gran pintor catalán.

Pero a traxedia detívoo todo cando Lennon foi asasinado por un fan en 1980 en Estados Unidos, onde estaba a vivir. E o propio Dalí finaría dez anos despois, en 1989, deixando o seu soño sen continuadores cualificados da súa talla e liderado.

De certo, o soño que o artista compartía con Lennon comezara a emerxer en Londres, nunhas conversas e telegramas intercambiados cando o cuarteto The Beatles aínda estaba en activo. A partir de aí comezaron as comunicacións co propósito de facer a peregrinaxe á fronte dun cento de hippies.

A querenza de Dalí por Santiago espertara polas explicacións que lle dera un gran amigo galego, o inesquecible escritor e xornalista Julio Camba, ó que o pintor visitaba con frecuencia no cuarto en que este vivía no madrileño hotel Palace, habitación número 383. Unha amizade continuada e duradeira que só terminou coa morte do escritor o 28 de febreiro de 1962.

Destas conversas xurdiron algunhas das visitas de Dalí a Compostela e a propia decisión de pintar en 1957 o gran cadro Santiago el Grande, entre outras obras. Así medrou tamén entón o seu interese polas peregrinacións polo Camiño de Santiago, que o levou a acordar con John Lennon un proxecto logo frustrado pola morte violenta deste.

A fascinación de Salvador Dalí pola realidade cultural e relixiosa de Santiago de Compostela tivo diversas manifestacións, cuxos estudo e comprensión aínda permanece incompletos. O que fai pensar que estamos ante unha realidade non abondo divulgada. Algo que debería remediarse con algunha achega máis reveladora, minuciosa e profunda. Porque Dalí segue a ser unha grande figura da pintura mundial do pasado século, só por detrás de Picasso.