O colectivo RPM convoca a novena edición das residencias artísticas Paraíso

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Unha das liñas de traballo das residencias Paraíso pasa pola colaboración coa MIT de Ribadavia.
Unha das liñas de traballo das residencias Paraíso pasa pola colaboración coa MIT de Ribadavia.

O programa, centrado na danza e as artes vivas e dirixido a creadores de Galicia, España e Portugal, está dotado con 20.000 euros en axudas

18 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O colectivo RPM convoca a novena edición das residencias Paraíso, un programa centrado na danza e as artes vivas e dirixido a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas.

Os interesados deben presentar a súa proposta -o prazo está aberto ata o 7 de mazo- para que un comité de expertos valore a integridade artística do proxecto e o seu grao de madurez e solidez, ademais da relación entre a proposta e o territorio, para anunciar a finais dese mesmo mes de marzo cales son os aspirantes seleccionados.

Paraíso 2025 conta cunha bolsa económica de axudas por un importe total de 20.000 euros e prevé acoller ata un máximo de oito propostas en residencia ?cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros cada unha? para favorecer as distintas fases do labor artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica e, tamén, as tarefas de carácter técnico.

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro deste 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago, o Salón Teatro de Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón.

Paralelamente, os artistas residentes seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura. E a colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo), o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

Residencias Paraíso é un programa centrado na danza e as artes vivas e dirixido a artistas de Galicia, España e Portugal.
Residencias Paraíso é un programa centrado na danza e as artes vivas e dirixido a artistas de Galicia, España e Portugal.

Por noveno ano consecutivo, RPM -entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia- abre unha convocatoria das residencias Paraíso, unha iniciativa pioneira no país na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupados e ocupados polas derivas do seu tempo. A comisión de valoración está composta por tres profesionais convidados e dúas persoas membros do colectivo promotor.

Residencias Paraíso atende a necesidade da comunidade artística de contar con espazo e tempo dedicados á investigación e a creación co obxectivo de normalizar o concepto de residencia artística en Galicia mentres subliña a importancia da investigación arredor da práctica artística. A maior particularidade do programa é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur a comunidade autónoma a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros culturais ata estruturas non convencionais. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, incluso, as residencias de carácter técnico. Este exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices) é o que dota dunha identidade singular a este programa.

O próximo martes 25 de febreiro, ás 12.00 horas, RPM realizará unha sesión informativa en liña en aberto, para resolver dúbidas ou cuestións específicas sobre a convocatoria, na ligazón: https://meet.google.com/snf-zkcv-cra

Paralelamente ás residencias, en diálogo cos artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etcétera.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socios-amigos de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo e Sergio Marey, entre moitos outros.

Sobre o colectivo RPM

Colectivo RPM é unha agrupación de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa chega incluso fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.