
Acomplexidade do relevo da costa galega é algo que destaca en calquera mapa. O rebuscado recorte das nosas rías confírelle ao territorio unha particular singularidade en comparanza co resto dos que compoñen a península Ibérica. Semella algo colocado nun lugar ao que non lle correspondía, como máis en consonancia e harmonía co das illas Británicas. Conta a lenda que cando Deus rematou de crear o mundo, botouse a descansar apoiando a man dereita sobre Galicia. Os seus dedos afundíronse sobre o chan aínda brando como a arxila e de aí xurdiron as rías. Unha bonita historia que pouco ten que ver coa realidade máis achegada a cuestións xeolóxicas e de diferentes procesos tectónicos e glaciares. E xunto coa formación das rías, tamén xurdiron as illas e os illotes que son característicos e únicos na nosa paisaxe litoral. Son máis de 300 arquipélagos e illotes os que temos ao longo da costa, moitos deles moi descoñecidos para a maioría, pero sempre inzados de historias, lendas e mitos. Pequenos paraísos que debemos preservar polo seu valor e significado.
Se ben é certo que a maior parte, así como os máis relevantes, están situados nas Rías Baixas, fóra delas tamén hai algúns ben interesantes. De cada provincia vou escoller un segundo o meu gusto, por suposto sen menosprezar a riqueza e patrimonio dos demais. Fágoo simplemente dende un criterio persoal e vivencial. Así, de Lugo destacaría a illa Coelleira, situada na saída da ría do Barqueiro. É a máis grande de todas as do Cantábrico galego. Unha illa con moita historia. Débelle o nome á cantidade de coellos que nela había. No século IX houbo un mosteiro de monxes benedictinos que foi arrasado polos normandos. Da provincia coruñesa escollería as Sisargas fronte a Malpica, en plena Costa da Morte. Trátase dun arquipélago de tres illas: A Grande, A Chica e A Malante. Lugar onde houbo unha ermida dedicada a santa Mariña que tamén foi derrubada nun dos moitos ataques normandos. E xa na provincia de Pontevedra, onde está o maior número de arquipélagos e illas de toda Galicia, quédome coas Cíes por unha cuestión basicamente emocional, vencellada ás fermosas lembranzas xeradas en distintas ocasións nas que alí estiven.