Alfredo Conde: «A novela ''Ruidos de fondo'' é na que máis reflectido me sinto»
CULTURA

O escritor de Allariz desvelou que acaba de rematar outra narración, vinculada á Galicia da súa nenez, que podería ser, deixou caer, o último libro que faga
21 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Os escritores estamos sempre tentando a sorte e pensando no aproveitable da realidade que nos rodea para facer un libro», recoñeceu este xoves Alfredo Conde (Allariz, 1945). No seu caso, o infarto que padeceu deixou unha fonda pegada que queda patente en Ruidos de fondo (Editorial Guiverny). «Nas novelas sempre meto algo da miña vivencia persoal e esta é na que máis reflectido me sinto», incidiu o autor na libraría compostelá Cronopios durante a presentación da obra na súa edición en castelán acompañado polo cardiólogo Carlos Peña Gil e pola editora Belén Fortes. O protagonista do relato é un home que acaba de sufrir un ataque ao corazón e encara os seus últimos anos de vida cunha mestura de escepticismo e resignación, pero tamén de humor. «É a novela máis humorística de Alfredo Conde», salientou Fortes nunha afirmación que corrobora o propio autor: «As miñas novelas non son divertidas pero esta si», dixo para engadir que gozou lembrando algunha das escenas que introduce na novela. «Hai anécdotas reais, como real é o infarto. A experiencia na sala de rehabilitación cardíaca é real», asegurou. Precisamente, o médico Carlos Peña Gil contou que en Ruidos de fondo aparece recollida a sintonía que se produce entre os pacientes que acoden a este servizo hospitalario despois de sufrir un infarto.
Conde tamén falou do proceso creativo. Nese senso apuntou que «a única maneira de acertar é facer o que che gusta; o primeiro lector é o propio autor, escribe para si mesmo, porque se non che gusta xa o rompes». Desvelou que acaba de rematar outra novela, vinculada á Galicia da súa nenez, que podería ser, deixou caer, a última que escriba. «A capacidade de soñar e vivir outras vidas xa non é a mesma», admitiu.