Henrique Monteagudo: «Castelao é un heroe e debemos saber que Galicia sería peor sen el»

Pedro Rodríguez Villar
pedro rodríguez VIGO / LA VOZ

CULTURA

Monteagudo é o director da Cátedra Castelao da Universidade de Santiago.
Monteagudo é o director da Cátedra Castelao da Universidade de Santiago. Xoán A. Soler

O profesor e ensísta defendeu na Fundación Penzol en Vigo a figura mítica do intelectual de Rianxo

21 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Castelao é un mito, un heroe», di o sociolingüista Henrique Monteagudo (Esteiro, Muros, 1959). Teno ben claro. O vicesecretario da Real Academia Galega leva media vida analizando e estudando o artista, pensador e político galeguista. O catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e director da nova Cátedra Castelao estivo este xoves na Fundación Penzol en Vigo para falar do intelectual de Rianxo e da necesidade, «como galegos, de volver á súa figura e de facerlle un recoñecemento máis amplo a un escritor que transcende o seu tempo e que representa o noso país. Era unha persoa que foi moitas cousas, que destacou en todas e do que temos moito que aprender», reivindicou o tamén autor do ensaio Alfonso R. Castelao. A forxa dun mito (Galaxia, 2021).

A traxectoria vital de Castelao cumpre, dalgunha maneira, coa estrutura narrativa da viaxe do heroe que articula a gran maioría das grandes historias literarias. Era unha persoa que sempre conseguiu sobrepoñerse ás grandes crises que lle tocou vivir. «Foi un artista, un pensador e un político xenial e comprometido con Galicia, pero, para min, o que o fai distinto é que sempre seguiu adiante e con optimismo nun contexto terrible e de profunda dor. Castelao viviu a Guerra Civil, tivo que exiliarse e perdeu a amigos asasinados polo fascismo como Bóveda. Tamén viviu a Segunda Guerra Mundial e tivo que deixar todo para marchar a América. Aínda así, con toda esa dor dentro, tivo a grandeza de mirar adiante cunha esperanza e optimismo que conseguiu transmitir nas súas obras. Eu creo que o que o converte nun mito é o seu fado; esas ganas de querer construír un mundo mellor», insiste Monteagudo.

Este 2025 —considerado Ano Castelao ao facerse 75 anos do seu pasamento— «é o momento ideal para ser conscientes do seu legado e do que todos lle debemos. A xeración de Castelao fixo un esforzo inmenso para defender os galegos. Galicia sería un lugar peor de non ter existido el». Refírese o profesor á súa loita polo dereito do pobo a vivir nun país máis xusto, autónomo e na súa propia lingua. Nese sentido, destaca, hai que volver máis á súa obra para descubrir un creador que saltaba fronteiras e dicotomías. «A Castelao non se lle pode ver como un autor político. El era unha persoa que conseguía transcender calquera etiqueta», subliña.

Arte popular e alta cultura

Monteagudo incide en que cunha arte considerada popular —a caricatura— fixo pezas de alta cultura e que reflicten dunha maneira sinxela e profunda a identidade galega. «É que Castelao sorprende constantemente. Estes días, cando andaba a preparar a conferencia, dei cunha viñeta coa que rin moitísimo». Relata que saían dous labregos e un lle dicía ao outro: «Ti que preferías, os de antes ou os de agora?», e a contestación era: «Os de despois», lembra entre risas.

A xestión deste valioso legado, en palabras de Monteagudo, debe animar a tentar «que as novas xeración descubran un home que coas súas obras continúa a mirar o futuro con esperanza», un futuro que, como el pensaba, «debe ser noso», conclúe.

«Volver á súa obra tamén nos axuda a reflexionar sobre temas de hoxe»

Monteagudo insiste en que volver á obra de Castelao cuns ollos máis atentos permite saber que falaba de temas que hoxe están de actualidade. «En Sempre en Galiza podemos ver que Castelao era tan federalista coma nacionalista. Tamén falaba da Unión Europea e dos intereses económicos compartidos. É capaz de conectar directamente co presente. Foi unha persoa capaz de captar a retranca e a identidade do noso país dunha maneira tan intelixente e sinxela que merece que volvamos analizar a súa obra con outra mirada», insiste.

O catedrático da USC tamén destaca que hai que buscar «un recoñecemento máis amplo para o autor. Temos que apropiarnos del dende as súas inquedanzas, que tamén son as nosas, e facer que as novas xeracións se sintan interpeladas por el. Hai que axudarlles a descubrir a súa obra e que vexan que continúa a ser unha figura esperanzadora e un exemplo de país». O mesmo Monteagudo foi descubrindo mundo ao lado das obras de Castelao. Doutorouse en 1995 cunha tese sobre as ideas e os debates ao redor da lingua do autor de Rianxo e, tamén, foi o editor dos oitos volumes que recompilan a súa obra e que Galaxia publicou.

«Agora, nós temos o deber de intentar seguir percorrendo o camiño que Castelao abriu para nós. É a mellor forma de renderlle homenaxe», di Monteagudo, consciente da «fortuna» de poder contar cun autor, pensador e político como Castelao na historia recente de Galicia.