
«Está viva, moza e á nosa beira», di Anxo Angueira, presidente da fundación que vela polo legado da escritora
23 feb 2025 . Actualizado a las 21:51 h.
Galicia lembrou a Rosalía de Castro relendo a súa obra e saboreando o caldo de gloria. Porque este domingo foi un día para traer de novo ao presente a autora máis recoñecida das letras galegas. A ocasión brindouna o seu natalicio, hai 188 anos (en 1837). O 23 de febreiro abre sempre unha xanela para reencontrarse coa súa poesía e mergullarse na súa lectura, como fixeron onte no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago, autoridades políticas e representantes de entidades culturais e sociais, convocadas pola Fundación Rosalía de Castro. Esa lembranza pasaría apenas unha hora antes pola compostelá praza de Vigo, onde naceu a autora.

A celebración oficial remataría xa pola tarde na Matanza, na Casa Museo da poeta en Padrón, en cuxa cociña se elaborou o caldo de gloria que se serviu aos asistentes. Un prato feito coa receita que Rosalía plasmou como épica da supervivencia diaria e doméstica no poema Miña casiña, meu lar. Encargouse da súa preparación Alberto Carou, chef do restaurante rianxeiro Curral do Marqués.
Tamén foi del o que se serviu pola mañá en Bonaval, tras unha homenaxe conducida por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen ante o conselleiro de Cultura, a alcaldesa de Santiago, os rexedores de Padrón e Rianxo, os presidentes da Real Academia Galega e da Fundación Castelao e a presidenta do Consello da Cultura Galega, entre outras autoridades, proclamou que Rosalía «está viva, moza e á nosa beira».

A súa lembranza entrelazouse coa de Castelao, quen nunha placa encargada polo Centro Galego de Bos Aires en 1949 para o panteón da poetisa refería que esta exaltou as virtudes do pobo galego e cantou as belezas da terra galega. Aínda que de lectura dificultosa, pola súa localización, Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, animou aos visitantes do Panteón de Galegos Ilustres a descubrir esa mención.
A figura de Rosalía espallouse nos últimos días tamén por colexios, restaurantes e bares de toda Galicia co reparto de 120.000 manteis de papel para abrir a apetencia polo caldo de gloria. En Santiago, Padrón e a súa contorna foron ducias os establecementos que o ofreceron. Os centros galegos de Castellón, León e Pamplona tamén se animaron co prato. As actividades deste ano compleméntanse coa campaña Rosalía é mundial, que nas vindeiras semanas irá publicando vídeos de xente da cultura de todo o mundo recitando a súa obra. A iniciativa arrincou hai uns días co músico Manu Chao e a escritora Rosa Montero.