As montaxes «O dragón de ouro» e «Iribarne», candidatas favoritas nos premios María Casares

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Os finalistas da 29.ª edición dos premios de teatro María Casares déronse a coñecer en Santiago nunha festa no Auditorio de Galicia, na que se tomou a fotografía de familia dos candidatos.
Os finalistas da 29.ª edición dos premios de teatro María Casares déronse a coñecer en Santiago nunha festa no Auditorio de Galicia, na que se tomou a fotografía de familia dos candidatos. Paco Rodríguez

Dezasete espectáculos competirán polos galardóns durante a gala do 3 de abril no teatro Rosalía de Castro da Coruña

25 feb 2025 . Actualizado a las 21:40 h.

Dezasete espectáculos optarán o 3 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a levarse algún dos dezaseis galardóns da 29.ª edición dos premios de teatro María Casares. Os que máis opcións contan son O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, con catorce candidaturas, e Iribarne, de ButacaZero, cunha ducia. O resto de obras atópanse lonxe, xa que as seguintes da lista son Os actos e as profecías, do Centro Dramático Galego (CDG), e As gardiás ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures, finalistas en catro categorías, segundo se deu a coñecer este martes en Santiago durante a festa de finalistas que acolleu o Auditorio de Galicia nun encontro conducido pola actriz Sheyla Fariña.

No caso de O dragón de ouro, baseada nun orixinal do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig (Gotinga, 1967), é finalista nas categorías de mellor espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria, actor secundario por partida dobre, actor protagonista, adaptación-tradución, iluminación, espazo sonoro, espazo escénico, vestiario e maquillaxe; pola súa banda, Iribarne, na que abordan a vida política de Manuel Fraga, optará ás distincións de mellor espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista por partida dupla, texto orixinal, iluminación, espazo escénico, espazo sonoro e vestiario. Estas dúas montaxes disputarán o premio ao mellor espectáculo xunto a Go Home!, de Etiqueta Negra, finalista unicamente nesta sección.

Pola súa banda, aspiran a dous premios as montaxes de Monstros, de Producións Teatrais Excéntricas; Eu, Fraude!, de Paula Pier; O mundo está roto pero pódese camiñar, de Contraproducións; e Pum! Pum! Quen hai? e Non pasarán, as dúas de Ártika Cía. A listaxe de obras con opcións complétana cunha candidatura Nada se sabe, coprodución de Culturactiva e o CDG; Apaga o candil, de Contraproducións; Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo; e Rogelio III (La fête), de Assircópatas. Tamén contan cunha soa candidatura as tres finalistas do apartado de espectáculo de monicreques: Os contos de Lobicán, de Redrum Teatro; Moby Dick, de Pedras de Cartón; e Gaia Baba, a meiga, de Nauta Teatro.

Á mellor dirección optan Ánxeles Cuña, por O dragón de ouro; Xavier Castiñeira, por Iribarne; Tamara Canosa, por Os actos e as profecías; e Cristina Domínguez, por As gardiás ou o nó do tecelán. As candidatas á mellor actriz protagonista son Fina Calleja, por O dragón de ouro, e Lidia Veiga e Mónica García, ambas por Iribarne. Pola súa banda, Anxo Outomuro e Jorge de Arcos, por Iribarne, e Fran Lareu, por O dragón de ouro, aspiran ao premio de actor protagonista.

Os galardóns, que están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, viviron onte a súa tradicional festa de finalistas coa participación de representantes da axencia autonómica Agadic, da Deputación da Coruña e da SGAE.