
As bandas e artistas poden inscribirse nas 15 seccións do 3 ao 23 de marzo
26 feb 2025 . Actualizado a las 17:41 h.Case catro mil persoas votaron o ano pasado para elixir os proxectos máis destacados da música galega nos Premios Martín Códax. Era a primeira vez que Músicas ao Vivo abría o proceso á participación popular coa finalizade de darlle unha maior visibilidade aos galardóns e, despois do éxito obtido, consolídase o sistema. Deste xeito, volverá a contar a opinión do público xeral á hora de distinguir os mellores proxectos desta duodécima edición do certame, que entregará os premios nunha gala o 28 de maio en Pontevedra. Ao igual que no 2024, o peso dos sufraxios populares será do 50 % na elección do gañador. A outra metade correspóndelle aos socios e socias do colectivo organizador. Unha medida encamiñada a manter a lexitimidade do certame ao igual que o feito de que sexa un xurado profesional o que seleccione aos tres finalistas de cada categoría, segundo explicaron a presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia, e o vocal da directiva Tomás Díez na presentación da nova edición dos galardóns, que se celebrou este mércores en Santiago.
As bandas e artistas de Galicia con proxectos en activo que queiran presentarse teñen tres semanas, do 3 ao 23 de marzo, para inscribirse nesta duodécima edición dos Premios Martín Códax. Haberá quince categorías musicais: pop e indie; rock e punk; blues, funk e soul; metal e heavy; canción de autor/a; músicas urbanas; músicas do mundo e mestizaxe; electrónica; música clásica e contemporánea; jazz e músicas improvisadas; música tradicional; música folk, música infantil; orquestras, grupos e música de verbena; e bandas de música popular. O ano pasado presentáronse máis de catrocentas candidaturas. A estas quince categorías hai que engadirlle os premios Organistrum de recoñecendo a salas, festivais e proxectos, así como o premio honorífico e o de Artista Emerxente. Respecto a este último hai novidades, segundo precisou Sheila Patricia. «Modificamos as bases e imos centrarnos máis no artista que no proxecto», precisou. Con isto procuran que verdadeiramente sexan artistas emerxentes os recoñecidos e que non sexa unha persoa xa con traxectoria pero que cambie de proxecto.
Unha vez que o xurado elixa os tres aspirantes por categoría, estes daranse a coñecer o 7 de maio na Festa dos Finalistas nas bodegas Martín Códax, como nas últimas edicións. Despois, do 8 o 25 de maio, tanto os socios como o público poderán emitir o seu voto. Segundo precisou Tomás Díez, haberá uns pequenos axustes no sistema para que sexa máis sinxelo o proceso de votación.
Os representantes de Músicas ao Vivo estiveron acompañados este mércores no acto celebrado na Sala Capitol por Jorge Pallarés, director de Márketing e Comunicación das Bodegas Martín Códax; Jacobo Sutil, director da Agadic; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura de Pontevedra; e Jorge Cubela, responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra. Pallarés resaltou que estes premios musicais son especiais porque «defenden a todo o sector e son un punto de encontro para todos os proxectos». O representante do Concello de Pontevedra, pola súa banda, incidiu na importancia de «traballar conxuntamente para tirar da cultura e a música galega». Para o director da Agadic, Jacobo Sutil, os galardóns «ofrecen unha foto do patrimonio musical galego, que está en moi bo momento e funciona diante do público». Por último, Jorge Cubela, referiuse aos Premios Martín Códax como «a gran festa da música galega».
Nesta edición da gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra, Músicos ao Vivo poñerá o foco nas cantareiras e poesía tradicional oral, que se converterán en fío condutor.