Xoán Carlos Garrido: «Se Castelao seguise vivo, estaría aínda a loitar contra as inxustizas»

Carlos Portolés
C. Portolés A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O profesor Garrido -na imaxe, pouco antes da charla- é experto no pensamento de Castelao.
O profesor Garrido -na imaxe, pouco antes da charla- é experto no pensamento de Castelao. Marcos Míguez

O historiador ofreceu este mércores unha conferencia na asociación cultural Alexandre Bóveda, na presentación dun caderno sobre o intelectual rianxeiro

27 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Castelao morreu triste e lonxe de casa o 7 de xaneiro de 1950. Nos seus anos de exilio atopou na cidade de Bos Aires un segundo fogar. Un recuncho do mundo onde o intelectual rianxeiro era escoitado e valorado. Onde recibir todo aquilo que no seu propio país se lle negaba.

«A Galicia da época de Castelao era unha terra en vías de extinción a nivel lingüístico e cultural», explica o historiador Xoán Carlos Garrido (A Estrada, 1965), que ofreceu este mércores, da man da Fundación Galiza Sempre e na sede da asociación cultural Alexandre Bóveda da Coruña, unha charla sobre o pai do nacionalismo galego moderno. O motivo era a publicación do caderno 75 anos de legado de Castelao, un traballo que conmemora o aniversario do falecemento do egrexio escritor, artista e político.

Tres cuartos de século despois, moitas das ideas que alumou seguen presentes no debate político e cultural de Galicia. «Castelao tiña unha ideoloxía, evidentemente. Era nacionalista. Pero ese termo, así, solto, non quere dicir nada. Ademais de nacionalista, era laico, federalista e republicano. E, dunha forma máis fundamental, un artista», prosegue Garrido. Unha faceta, a de creador, que está a ser reivindicada nos últimos tempos de maneira crecente. O perfil do Castelao autor dialoga co do Castelao teórico ou o do Castelao activista. «El expresou as súas ideas máis profundas a través da súa arte. En realidade, as que están nos seus escritos políticos son as máis panfletarias. Hai que acudir máis á súa novela e ao seu teatro. Aí expón reflexións interesantísimas sobre a súa realidade».

Este compromiso co real, que hoxe o ergue como un dos estandartes da singularidade galega, foi, no seu tempo, unha condena ao ostracismo e á fuxida. «Tivo que irse de España para evitar que o represaliasen como xa fixeran con moitos dos seus camaradas», lembra. Algo que deixou unha pegada moi fonda no seu carácter e na súa aproximación aos problemas do mundo.

Identidades e maneiras de estar

Garrido pinta un Castelao que era, por encima de todo, un apoloxista da diferenza. «Non cría que houbese que conquistar ou dominar a outros. Cría que cada lugar e cada cultura eran importantes. Comprendía que no mundo existen identidades, maneiras de estar diferentes». Algo que moitos no século XX, a ambos os dous lados da bancada, non tiñan tan claro. «Naqueles tempos había incluso progresistas que buscaban uniformar a cultura e que todo o mundo falase a mesma lingua», apunta.

Mirando ao seu arredor, chega Garrido á conclusión de que Castelao, de seguir vivo hoxe, non estaría nin moito menos conforme co estado actual das cousas. «Se estivese aquí, seguiría combatendo contra moitas cousas. Contra todo aquilo que aínda segue vivo da ditadura. Aínda sendo crente, por exemplo, el non aceptaría os privilexios dos que goza a Igrexa», subliña.

Un reto pendente para manter viva a relevancia intelectual de Castelao é atopar a fórmula para trasladarlles aos mozos todo ese coñecemento que el legou. «O que quixo facer, por encima de todo, foi valorar a vida. E iso é algo que a moitos mozos de hoxe, creo, lles viría ben. Beneficiaríanse de descubrir máis en profundidade a Castelao», un home que, desde diferentes ópticas, abordou os grandes temas universais.