
Os xestores sitúan en cabeza o festival, seguido por Manuel Rivas
04 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O festival O Son do Camiño afiánzase como un dos principais eventos de Galicia tras ir escalando postos nos últimos tres anos na clasificación do Barómetro da Cultura Galega. Se no 2022 ocupaba o terceiro lugar no ránking despois da consulta a xestores culturais, e no 2023 estaba no segundo posto moi igualado coas Tanxugueiras, agora, para o 2024, aparece como o fito principal, e moi destacado do resto das iniciativas. O evento que se celebra no Monte do Gozo (Santiago) —que o ano pasado contou, entre outros, con Green Day, Pet Shop Boys e Melendi— acumula o 12,7 % das mencións deste informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura.
Tras o festival musical sitúanse como os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacados no ámbito da cultura galega durante o 2024 Manuel Rivas (5,7 %) —que acadou o Premino Nacional das Letras que lle outorgou o Ministerio de Cultura—, o Culturgal (4,7 %), Fillas de Cassandra (4,2 %) e a celebración do Día das Letras Galegas (4,1 %). Tamén se manteñen por cuarto ano consecutivo As Tanxugueiras entre as referencias máis citadas nos 872 cuestionarios asinados por persoas responsables das entidades culturais en Galicia. A clasificación das dez primeiras complétana a Cidade da Cultura, os eventos culturais ligados ao Camiño de Santiago, os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Por sectores, o avance do barómetro da cultura amosa o bo momento do sector musical: é o que máis mencións reuniu nesta edición (57,3 %). Neste ámbito sobresae o protagonismo dos festivais, que supón un 28,2 % do peso total. Ao Son do Camiño hai que engadirlle as respostas que destacan o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (2,5 %), o Resurrection Fest (2,3 %, duplicando o resultado do ano 2023), o PortAmérica (1,6 %), o Sinsal (1 %), o Festival de la Luz (1), Revenidas (0,7 %) ou o Festival de Pardiñas de Guitiriz (0,5). Ademais, está a mención individual a formacións e músicos, xa que aos nomes de Fillas de Cassandra e As Tanxugueiras, hai que engadirlles as referencias a Baiuca, Carlos Núñez, Sés, Guadi Galego, A Banda da Loba... Tamén hai mencións ao papel das bandas de música e aos seus certames.
Á música séguenlle o libro e a literatura, cun 24,9 % das mencións. Aos premiados no 2024 Manuel Rivas e Chus Pato —premio nacional de poesía— hai que engadirlles nomes como os de Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Paula Carballeira e Bea Lema.
Tamén son notables as referencias ao sector audiovisual, alcanzado o 22,7 %. Ás respostas que apuntan á importancia dos Premios Mestre Mateo súmanselles as producións que están a acadar un notable éxito. Figuran os filmes As Neves, de Sonia Méndez (1,4 %); O corno, de Jaione Camborda (1,3 %); e Matria, de Álvaro Gago (0,8 %); e series como Rapa, de Jorge Coira (0,8 %). Non faltan tampouco as alusións a intérpretes, como Luis Zahera (2,1 %) e Luis Tosar (1,5 %), así como ao Festival de Cans (1,3 %).
Pola súa banda, o eido escénico acada o 13,8 % das mencións do barómetro. Hai actores tanto citados a nivel individual como en relación coas súas obras, como Xosé Antonio Touriñán (1,1 %) e Carlos Blanco (0,3 %). Tamén son relevantes as referencias ao Centro Dramático Galego (2,1 %) e a compañías como Sarabela (0,7 %), así como a eventos como o FIOT de Carballo (1,1 %). No plano institucional, figuran o Consello da Cultura, a Cidade da Cultura, e museos como o de Pontevedra ou o Museo do Pobo Galego. No ámbito privado destaca a Fundación Marta Ortega Pérez (1,7 %), seguida pola Igrexa, Numax e a editorial Kalandraka.