
A exposición «Crear porvir» profunda en Santiago no papel da editorial
06 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Desde que no ano 1949 se puxeron á venda as primeiras accións para a constitución da editorial Galaxia —que chegaría o 25 de xullo de 1950 nunha asemblea fundacional no hotel Compostela en Santiago— ata a actualidade, o balance xeral son preto de 3.500 títulos, e obras de máis de 1.500 autoras e autores. Pero máis aló dos números atópase a cuestión de cal foi o significado de Galaxia para a cultura galega ao longo da segunda metade do século XX e o inicio do XXI. A esa pregunta trata de responder a mostra «Crear porvir. 75.º aniversario da Editorial Galaxia», que onte abriu as súas portas na sede compostelá de Afundación. «Quixemos facer unha exposición que presentase as liñas do que foron as actividades de Galaxia, que foi fundamental para entender a cultura galega destes 75 anos. [...] Tivo un papel moi relevante para a modernización da literatura galega, do pensamento e da lingua», afirmou Xosé Manuel Soutullo, director de Galaxia.
Para deixar patente a pegada da editorial ao longo destes 75 anos, os comisarios —o catedrático da USC e director da Cátedra Castelao, Henrique Monteagudo; a profesora de literatura galega Malores Villanueva; e o catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva— deseñaron un proxecto estruturado en catro bloques. «Galaxia foi a empresa que colleu o facho da cultura galega de antes da Guerra Civil, que xa se estaba apagando, para transmitírllelo ás novas xeracións», resaltou Monteagudo, apuntando que este repaso pola traxectoria da editorial é «case un percorrido pola historia da lingua, a cultura e a literatura galegas dos últimos 75 anos». Subliñou, ademais, que «o gran empeño de Galaxia foi sempre abrir camiños».
O proxecto expositivo comeza mergullando o visitante nunha liña do tempo na que se presenta a traxectoria histórica da editorial Galaxia. Aí figuran desde unha reprodución desas primeiras accións, a súa constitución e o seu primeiro libro —Antífona da cantiga (1951), de Ramón Cabanillas— pasando por outros libros e fitos destacados, rematando con nomes como os de Xesús Fraga ou Marilar Aleixandre, que obtiveron o Premio Nacional de Narrativa estatal recentemente.
Desde Castelao e Otero Pedrayo
Despois, o primeiro bloque percorre as obras e autores máis destacados no ámbito literario publicados por Galaxia e a súa contribución á literatura galega, desde Castelao e Otero Pedrayo para continuar por Cabanillas, Manuel Antonio, Blanco Amor, Cunqueiro, Novoneyra, Ferrín, Xohana Torres, Xosé Luís Franco Grande, María Xosé Queizán, Carlos Casares, Freixanes, Domingo Villar, Chus Pato... Na mostra recóllense datos salientables de cada autor e reproducións dos libros.
O percorrido continúa poñendo o foco no ensaio e o pensamento galegos. «Desde a editorial sempre tiveron en conta que o galego non só fose lingua literaria, senón de saber», matizou Monteagudo. Neste eido aparecen os nomes e os traballos clasificados por áreas de coñecemento de Carvalho Calero, Alonso Montero, Ramón Piñeiro, María Xesús Lama, Fernández del Riego, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Pérez Touriño, Barreiro Rivas, Ramón Villares, García-Sabell...
O terceiro capítulo céntrase na tradución e a proxección internacional, «traendo grandes voces doutros territorios e levando a outras linguas» a produción en galego, salientou Xosé Manuel Dasilva. Lembrou as dificultades para a primeira tradución ao galego, un traballo do filósofo Martin Heidegger, con catro anos de espera para poder publicala. Moito despois chegarían á lingua propia Murakami, Auster, libros de Harry Potter e Astérix, entre outros. Tamén se recollen as traducións de obras galegas a outras linguas. Destaca o interese por traballos de Cunqueiro —que ata está en croata e árabe— e A esmorga, de Blanco Amor —dispoñible en case trinta linguas.
O último apartado está dedicado á literatura para o público infantil. «Moito antes de que o galego se estudase na escola, entenderon que había que publicar para os cativos», explicou Villanueva. Así, lembrou o papel desempeñado por Xohana Torres, Casares, Fernández Paz, Fina Casalderrey e o impacto que logrou Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín, premio nacional de literatura infantil en 1984.
A exposición foi inaugurada onte polo conselleiro de Cultura, José López, ademais dos máximos responsables da editorial, como o seu presidente, Antón Vidal Andión, e o director, Xosé Manuel Soutullo. En Santiago poderá visitarse este mes, e despois percorrerá as cidades galegas. Proximamente, estará dispoñible a través de internet.