O filme de Antonio Román e Xaquín Lorenzo «O carro e o home» abre a 20.ª edición da MICE
CULTURA

O documental alemán «Togoland Projections», obra de Jürgen Ellinghaus, inaugura a sección oficial cunha historia sobre os efectos do colonialismo xermano en Togo
12 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A proxección da película de 1940 O carro e o home abre este mércores a 20.ª edición da MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego), nunha vindicación dun dos filmes fundacionais da cinematografía galega. O público desfrutará a obra realizada por Antonio Román e con guión de Xocas (Xaquín Lorenzo) nunha segunda versión acabada de dixitalizar, nun pase no compostelán Teatro Principal que comeza ás 20.30 horas. O documental —que forma parte do legado que o etnógrafo ourensán Xocas lle deixou ao museo do que foi fundador e primeiro presidente do padroado— servira, ademais, hai dous decenios de inspiración para o nacemento da MICE.
En 1980, Xocas e o cineasta Eloy Lozano —co patrocinio do Museo do Pobo Galego— fixeron unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada e con texto e locución do etnógrafo. Ao fío da proxección desta versión dixitalizada, coa colaboración da axencia autonómica Agadic e a Filmoteca de Galicia, a mostra lembrará as persoas que sentaron as bases da cinematografía galega e que viron no cinema un xeito de comprometerse coa cultura do país. A sesión contará coa presenza do guionista Pepe Coira, experto na historia do cinema e autor do libro No verán de 1940. Crónica da película “O carro e o home”. Xa na programación para profesionais, Coira conversará cos asistentes para afondar nas particularidades e a significación do filme.
O documental alemán Togoland Projections, obra de Jürgen Ellinghaus, inaugura a sección oficial cunha historia sobre os efectos do colonialismo xermano en Togo.