
Curtas distinguidas nos certames máis importantes do mundo compiten a partir de hoxe no encontro de animación que promove Afundación
12 mar 2025 . Actualizado a las 18:47 h.Curtametraxes distinguidas nos festivais máis importantes do mundo —como Venecia, Cannes, a Berlinale e Annecy— compiten dende a tarde de hoxe (a partir das 18.30 horas) na Coruña por entrar no palmarés de Imaxinaria. Nesta xornada inaugural proxectaranse sete obras de produción internacional, das 43 que compiten este ano na sección oficial do certame, que conclúe o próximo domingo, na sede coruñesa de Afundación, entidade que promove o encontro de cine de animación. Antes do primeiro pase, o realizador Alberto Vázquez e a xestora cultural Matilde Rodríguez, que codirixen o festival, darán a benvida ao público a unha terceira edición que afonda na súa mirada europea. A maioría das curtas a concurso (38 das 43) están producidas ou coproducidas no Vello Continente no último ano, aínda que tamén hai propostas de Irán, Corea do Sur, Chile, Canadá e EE.UU.
Imaxinaria aspira, ademais, a consolidarse como espazo de estreas tanto para o ámbito de Galicia coma do resto de España. Así o será desta volta para unha trintena de pezas. Pero o que prima na filosofía do certame é a calidade da selección —que correu a cargo do programador Severiano Casalderrey, despois do visionado de máis dun milleiro de obras—, e niso axuda o aval que presentan moitas das curtas que optan a algún dos premios: foron recoñecidas nos principais festivais de cinema a nivel mundial, tanto especializados (caso de Annecy, Ottawa e o AnimaFest Zagreb) como xeneralistas (Venecia, Cannes, Berlín, Locarno, Clermont-Ferrand).
No bloque inaugural figuran a portuguesa Percebes, mellor curta en Annecy, que segue o ciclo de vida deste molusco, co mar e o Algarve urbano como pano de fondo; Shadows (Francia-Xordania), cinta premiada en Venecia sobre unha nai de 14 anos que foxe de Bagdad; e o filme español Cuando llegue la inundación, un falso documental que explora a vida de catro irmás nadas de ovos de paxaro e illadas da civilización. Súmanselles a checa Hurikán, historia que levou o premio do público en Annecy; Soleil gris (Francia-Bélxica), premio en Clermont-Ferrand pola súa banda sonora; a italofrancesa Dark Globe, que abriu o último festival de Venecia; e a norueguesa Maybe Elephants, finalista en Berlín, Toronto e Annecy.
Un dos pratos fortes da programación sérvese ás 20.30 horas na sección Na retina, coa homenaxe á película francesa O planeta salvaxe (1973), dirixida por René Laloux, un gran clásico europeo, unha obra de culto da animación e a ciencia ficción, que se alzou co premio do xurado en Cannes, nunha constatación de que a animación pode competir co cinema tradicional en festivais de prestixio. O guionista e programador Javier Trigales presentará o filme, «coñecido polo seu estilo visual único e surrealista, por explorar temas como a opresión, a liberdade e a convivencia, e pola súa música electrónica e de jazz psicodélico que contribúe á súa atmosfera extraterrestre».