O ADN feminista de Rosalía de Castro: «Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos»

CULTURA

Pilar García Negro e Iria Taibo presentaron na Coruña a adaptación ao galego de «Lieders», o carné de identidade da poeta
26 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e son a lei que rexe o meu destino», afirmaba con contundencia unha Rosalía de Castro de 21 anos no manifesto Lieders. Era o ano 1858 e estaba a piques de casar con Manuel Murguía. «Un aviso que el coñecía ben», considerou Pilar García Negro, autora do limiar da tradución ao galego desta peza presentada este martes no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Estivo acompañada por Iria Taibo, responsable da adaptación.
A Fundación Galiza Sempre editou a versión en galego do manifesto, un texto publicado en castelán no xornal El Miño, tras unha petición de Benito Vicetto a Murguía, e considerado o primeiro manifesto feminista de Galicia e un dos primeiros de Europa. «Rosalía vai facelo, pero a súa maneira. Coa independencia de criterio. Non vai a ser a súa secretaria. Polo tanto, sae un texto explosivo desde todos os puntos de vista», sostivo García Negro.
A pesar da súa relevancia literaria e política, ata agora non existía unha publicación en galego que recollese a tradución deste manifesto, máis alá de versións elaboradas para actividades concretas en ámbitos feministas e educativos. «Lieders ven sendo o carné de identidade da autora, as súas credenciais primeiras. A súa revelación ante o público e como se rebelou como muller galega», matiza a doutora e investigadora.
A publicación, en formato facsímile, inclúe o texto dixitalizado e recollido na obra completa da autora publicada pola Fundación Rosalía de Castro en 1996. Con esta iniciativa, a Fundación Galiza Sempre busca poñer en valor esta peza ensaística en formato literario, rendendo homenaxe a Rosalía de Castro e contribuíndo á difusión do seu legado.
Unha feminista pioneira
García Negro remarcou a importancia do manifesto dentro da historia do feminismo galego: «Estamos ante un documento fundacional do pensamento feminista na nosa terra, unha mostra de que Galicia foi pioneira en reivindicar a igualdade e os dereitos das mulleres». Ademais, engadiu que «a tradución ao galego non só repara unha anomalía histórica, senón que tamén permite que novas xeracións coñezan e valoren este texto no seu propio idioma».
Hai que ter en conta cal é o ambiente, a atmosfera ideolóxica e patriótica en que se move a incipiente escritora. «Ela proclama que se enfronta aos señores da terra, aos que mandan. E que non acata os mandatos dos seus iguais. Este tipo de proclama desde logo é absolutamente rupturista, confrontada como digo aos dogmas, e a eses principios e supostas verdades», reflexionou García Negro. «Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos, aínda que arredor sentira, xa desde o berce, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da muller son os ferros da escravitude», declara Rosalía ao inicio do seu manifesto.
Todo isto vai culminar, co paso dos anos, co gran salto cualitativo no feminismo da autora: «A súa fusión consciente da maioría social feminina, coas mulleres do pobo galego, as privadas de voz e de todo dereito e representación artística en Cantares. Pero sen dúbida, a épica e a perspectiva acadará a súa máxima expresión en Follas Novas, a súa grande obra», conclúe García Negro sobre o legado da poeta.