O Día das Artes Galegas enxalzará o «inmenso legado» de Díaz Pardo

Montse García Iglesias
montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Retrato de Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920-A Coruña, 2012)?.
Retrato de Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920-A Coruña, 2012)?. Vítor Mejuto

O tributo, promovido pola Real Academia Galega de Belas Artes, empeza o día 1 en Santiago e contará cunha gran mostra na Coruña

27 mar 2025 . Actualizado a las 09:56 h.

O creador compostelán Isaac Díaz Pardo converterase o próximo martes, 1 de abril, no décimo homenaxeado polo Día das Artes Galegas, unha distinción coa que a Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) quere recoñecer «unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas do país». O acto central celebrarase en Santiago coincidindo coa xornada na que o Mestre Mateo asinou o pórtico da Gloria. Despois, terá continuidade ao longo dos vindeiros doce meses con outras actividades, entre as que destaca unha mostra que abrirá as súas portas en xuño no Museo de Belas Artes da Coruña e que repasará o tránsito da pintura á industria de Isaac Díaz Pardo.

Santiago, a cidade natal do polifacético galeguista, foi o lugar elixido para alzar o pano, cun acto central aberto ao público que se desenvolverá a partir das 19.00 horas no Teatro Principal. O presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo, abrirá as intervencións, e seguiralle unha laudatio a cargo de Xosé Díaz, académico e, ademais, fillo do homenaxeado, que pronunciará o discurso Isaac Díaz Pardo ou as formas que xorden da memoria. O encontro, que tamén contará con actuacións musicais, rematará coas palabras do conselleiro de Cultura, José López, e a alcaldesa, Goretti Sanmartín. Previamente, ás 17.00 horas, celebrarase unha sesión ordinaria da Academia de Belas Artes no salón de plenos do Concello.

Trátase da terceira vez que Compostela acolle o festexo maior do Día das Artes Galegas, despois de que tamén se lle dedicase a primeira edición ao Mestre Mateo e, no período 2020-2021, ao arquitecto Domingo de Andrade. «Santiago e Isaac é un binomio indestrutible», afirmou Xosé Díaz, para desvelar que a súa laudatio, na que tentará ser o máis neutral posible, falará do tránsito que fixo desde a súa cidade natal a Sargadelos pasando por América, e tamén da evolución artística, da pintura á industria. Unha intervención na que quedará patente a súa faceta de gran creador, pero tamén a persoal. «Non sei cal é a máis importante. Deu un exemplo cívico fundamental. Todo o que facía era cunhas miras éticas de reivindicación de Galicia e de todas as persoas que foron maltratadas, sobre todo en relación co exilio. Tivo que marchar en 1936, pero foi capaz de traer os proxectos para aquí», recordou.

Xosé Díaz, Míriam Louzao e Manuel Quintana Martelo presentaron este mércores a programación.
Xosé Díaz, Míriam Louzao e Manuel Quintana Martelo presentaron este mércores a programación. Sandra Alonso

Precisamente, a concelleira de Cultura, Míriam Louzao, ademais de lembrar a fonda relación do homenaxeado con Santiago, fixo fincapé en que Díaz Pardo «sempre amosou un compromiso excepcional coa cultura galega, tanto nas artes coma no activismo social e político», incidindo, ademais, no «inmenso legado» que deixou e na súa contribución para «darlle visibilidade ao país, tanto na propia terra coma fóra dela».

Outro dos grandes referentes da celebración do Día das Artes Galegas será a mostra A barca de Caronte, que se inaugurará en xuño no Museo de Belas Artes da Coruña e estará comisariada por Xosé Díaz. «Será unha grande exposición que recolle con toda amplitude a obra de Díaz Pardo», recalcou Quintana Martelo. Un proxecto que, segundo insistiu o comisario, focalizará a súa mirada nese camiño que percorreu desde a pintura á industria.

O programa do Día das Artes Galegas continuará ao longo do ano con simposios, conferencias e rutas por distintos lugares de Galicia, así como con publicacións. A propia Real Academia Galega de Belas Artes —que tamén está de celebración polos seus 175 anos— editará un volume, que será enviado aos centros educativos para que os rapaces coñezan o que fixo Díaz Pardo pola cultura galega. Non será o único libro, porque o Concello de Santiago avanzou que reeditará Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso, de Ramón Fandiño.