«A Galicia deseñada», unha celebración do deseño como ferramenta ao servizo da sociedade

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Unha lata de sardiñas da conservera Massó, nunha imaxe extraída dun catálogo de 1924.
Unha lata de sardiñas da conservera Massó, nunha imaxe extraída dun catálogo de 1924.

O selo Fabulatorio presenta en Santiago e en Madrid a publicación derivada da exposición que en outubro do 2022 acolleu o Espazo Normal da Universidade da Coruña

28 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A exposición A Galicia deseñada, que a mediados de outubro do 2022 acolleu o Espazo Normal da Universidade da Coruña, deixou fonda pegada. O percorrido pola historia do deseño galego a través de cen pezas simbólicas —traballos de artistas como Castelao, Luis Huici, Camilo Díaz Baliño, Rafael Barradas, Álvaro Cebreiro, Álvaro das Casas, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Xosé María Torné, Pepe Barro, Fausto Isorna, Alberte Permuy, Xosé Teiga, Rebeca Ces, Álvaro Valiño e Marcos Dopico— era un proxecto necesario como celebración do deseño como ferramenta esencial ao servizo da sociedade, como defenden Marcos Dopico, Cibrán Rico e Suso Vázquez, que están detrás da publicación A Galicia deseñada. Símbolos, marcas e identidades gráficas, que é unha consecuencia directa daquela iniciativa, que editou o selo Fabulatorio e que este xoves se presentou na libraría compostelá Numax (este sábado farano na libraría La Fábrica en Madrid).

Como aquela mostra, o libro é un percorrido único pola historia e a cultura do deseño galego, que axuda a entender como evolucionou o patrimonio visual do país. Esta obra, anota a editorial, nace coa vontade de contribuír á fundamentación dunha historiografía do deseño galego e de ofrecer un catálogo de referencia para a divulgación, consulta e inspiración para os deseñadores de hoxe e do futuro.

Neste labor, precisamente, tivo un papel pioneiro —que mantén no tempo— o deseñador eumés Pepe Barro, que abre a publicación cun pequeno pero esclarecedor ensaio introdutorio sobre as primeiras marcas galegas, no que fai unha reivindicación do traballo fundacional de impresores e editores en Galicia a partir de finais do século XV.

Organizada en cinco períodos históricos —dos antecedentes á contemporaneidade—, a publicación non só traza unha secuencia narrativa coherente, senón que tamén «busca establecer pontes entre épocas, interpretando a historia como un relato colectivo», explica Fabulatorio. As setecentas páxinas organízanse en tres ámbitos: un primeiro, con textos que exploran a memoria gráfica; un segundo, que presenta as cen marcas con pequenos contextos; e un terceiro, que reúne fotos de aplicacións gráficas en soportes tan diversos como carteis, libros ou obxectos.