A voz «cantareira» xa forma parte do paseo das Palabras do Ano de Lugo

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da celebración coa Real Academia, en Lugo.
Detalle da celebración coa Real Academia, en Lugo. Óscar Cela

«A transmisión oral tamén é literatura. As letras, a lingua son algo que ferve na sociedade, que transmitimos construíndo o futuro a partir da memoria. Cada vez que falamos galego cos netos estamos transmitindo a ilusión de construír país entre todos», enxalzou Víctor Freixanes

03 abr 2025 . Actualizado a las 12:40 h.

A voz cantareira xa loce no paseo das Palabras do Ano de Lugo. O académico Víctor F. Freixanes participou este mércores no descubrimento da inscrición no pavimento da rúa Menorca, na que o Concello rexistra os resultados da votación popular promovida polo Portal das Palabras que impulsan a Real Academia Galega e a Fundación Barrié. O encontro contou coa actuación das Cantareiras d’Xanares e a presenza de escolares de centros educativos da cidade. En representación do Concello acudiron o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira Maite Ferreiro.

O público escolleu cantareira só unhas semanas antes do inicio das Letras Galegas 2025, celebración que a Academia lles dedica precisamente ás cantareiras e á poesía popular oral. «As cantareiras representan ese pulo vital, esa enerxía histórica que fixo que a lingua galega puidese pasar de xeración en xeración, de nais a fillas, de avoas a netas», enxalzou Freixanes, que incidiu: «A súa transmisión oral tamén é literatura. As letras, a lingua son algo que ferve na sociedade, que transmitimos construíndo o futuro a partir da memoria. Cada vez que falamos galego cos netos estamos transmitindo a ilusión de construír país entre todos», afirmou.