Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega: «Non nos cansaremos de insistir na urxencia do pacto pola lingua galega»

Elia Freire A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

<span lang= gl >Víctor Fernández Freixanes felicita ao seu flamante sucesor á fronte da Real Academia, Henrique Monteagudo.</span>
Víctor Fernández Freixanes felicita ao seu flamante sucesor á fronte da Real Academia, Henrique Monteagudo. Marcos Míguez

Acompañado na dirección por Ana Isabel Boullón, María López-Sández, María Dolores Sánchez Palomino e Lourenzo Fernández Prieto, critica a «ineficacia das políticas» a prol do idioma e avanza un talante propositivo no seu mandato

05 abr 2025 . Actualizado a las 13:46 h.

Con vinte e tres votos a favor e dous en branco, o catedrático de Filoloxía Galega Henrique Monteagudo (Muros, 1959) foi investido na tarde deste venres presidente da Real Academia Galega (RAG) nunha sesión extraordinaria celebrada no pazo de María Pita da Coruña, a falta da emblemática sede da rúa Tabernas —a casona do século XVIII onde viviu Emilia Pardo Bazán—, en obras de rehabilitación integral ata finais de ano.

Monteagudo, candidato único para suceder a Víctor Fernández Freixanes e membro da executiva da RAG desde o 2013, estará acompañado no mandato que bota a andar por Ana Boullón Agrelo, en calidade de secretaria; María López-Sández, tesoureira; María Dolores Sánchez Palomino, arquiveira bibliotecaria; e Lourenzo Fernández Prieto, vicesecretario. «A idea é, efectivamente, tirar un pouco cara á renovación», resolveu o profesor inmediatamente despois de presentar o equipo, «xente de incorporación bastante recente» e sen «responsabilidade executiva na Academia», afirmou ante os xornalistas.

O novo pulo respectará, advertiu, a «continuidade nas ideas fundamentais», entre as que «a situación do idioma, a nosa gran preocupación», marcará o rumbo. «Estamos reclamando constantemente medidas acordes a esa situación, e estamos criticando as restricións da política lingüística. Non nos cansaremos de insistir na necesidade, arestora urxente, do pacto político e social pola lingua. O galego é de todos e de todas, e ten que estar por riba da loita partidista», proclamou o catedrático da USC, que chamou a atención sobre o fracaso dos programas públicos deseñados para recuperar falantes.

«As políticas da Xunta que se levan implementando ata agora demostraron a súa ineficacia, cando non o seu carácter lesivo. Témolo dito e témolo publicado. Estaremos sempre dispostos a calquera iniciativa que se dea nese sentido», propuxo o sociolingüista, que apelou á historia e ao pensamento que atesoura a institución desde a súa fundación en 1906. «A Academia ten poucos recursos materiais —admitiu—, pero ten un capital simbólico moi importante, temos xente moi competente, temos ideas e temos coñecemento».

Contra a parálise, acción. «Non só estamos aquí para criticar, que efectivamente forma parte do noso papel. Tamén estamos para propoñer. Fan falta novas ideas, e esta é unha das cousas nas que imos empeñarnos, seguindo o que levamos feito en contacto coa sociedade», anotou Monteagudo, e lembrou «a acollida extraordinaria» que atopan nas festas do Día das Letras nas vilas pequenas.

Academia e símbolo

«Quizais non teñen unha idea clara de que é a Academia, pero hai unha conciencia de que representa simbolicamente algo moi importante para o país. Hai que ter en conta —lembrou— que a RAG é a primeira entidade de ámbito galego que xorde da sociedade en época contemporánea, a primeira entidade cívica que abranguía todo o territorio e que foi movida desde a sociedade. Esa idea aínda está viva».

O labor dos medios de información —«tamén é de xustiza agradecer isto»— e as iniciativas «dos colectivos de base, da xente nova, mesmo da diáspora, dos que falan galego e dos que non», han de estar no foco. Para facelo, o profesor aconsellou mudar de dirección. «Chama a atención a pobreza da presenza de temas galegos, literatura, cultura, mesmo imaxes, en internet. Hai un desfase enorme con outras culturas. Por iso, precisamos unha liña política especificamente destinada a dar outra presenza ao idioma neses medios, desde YouTube ata Instagram. Vai ser a única maneira de chegar á xente nova. Ao mellor os desta executiva non somos grandes usuarios de Instagram —concedeu—, pero sabemos o que é».

«É o momento» da fundación para captar fondos privados

Sorriu Xesús Alonso Montero cando, na comparecencia de prensa posterior á reunión onde foi elixido, Henrique Monteagudo empregou unha palabra prestada polo venerábel profesor para evitar malentendidos sobre os proveitos de ser académico. «Gústame insistir nisto. O traballo na Academia é voluntario, un traballo que, recollendo un adxectivo marabilloso que utilizou hai pouco o noso antigo presidente, Alonso Montero, é impecune», puntualizou o 14.º máximo representante da RAG a conto da precaria situación que atravesa, desde hai anos, a institución.

«Estamos insistindo sempre diante da Xunta na necesidade de ter mellor financiamento, non para gañar máis, non para nós, senón para facer cousas», observou, antes de avanzar vías novas para captar fondos privados. «Unha das ideas é a Fundación Pro Academia. É de xustiza mellorar o financiamento e cremos que hai que apelar á sociedade, ás empresas, ás fundacións e ao conxunto de cidadanía. Cremos —afirmou— que é o momento de lanzar una fundación pro-Academia que nos permita obter recursos de financiamento privado para novos proxectos».

Monteagudo, que aspira a reforzar o persoal que traballa no Dicionario da Real Academia Galega, confiou en presentar na primeira metade do mandato outras ferramentas de utilidade para o estudo e a divulgación do idioma, como o Dicionario bilingüe castelán-galego, a Gramática do galego e o Dicionario de apelidos, coordinado pola nova secretaria.

O programa que defendeu diante dos 25 membros do plenario (faltou Ferrín e tres máis) tamén recolle o compromiso de apostar polo aumento da presenza feminina, que xa se viu na composición da executiva, onde hai maioría de mulleres: Boullón, experta en onomástica; López-Sández, en sociolingüística e teoría da literatura, e Sánchez Palomino, lexicógrafa e unha das redactoras do Dicionario da RAG. Con elas, Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea, experto en historia agraria, Guerra Civil e franquismo.