Os premios Follas Novas distinguen ao editor Manuel Bragado, ao libreiro Rafael Silva e á poeta Shahd Wadi

CULTURA

Os recoñecementos serán entregados este sábado na gala do Libro Galego
22 abr 2025 . Actualizado a las 17:43 h.A gala dos premios Follas Novas do Libro Galego que se celebrará este sábado en Santiago non só servirá para distinguir as mellores publicacións e propostas en trece categorías, senón tamén para recoñecer ao editor Manuel Bragado, ao cofundador da libraría Follas Novas de Santiago, Rafael Silva, e á escritora palestina Shahd Wadi. A elas lles entregarán os seus galardóns honoríficos as tres organizacións que impulsan a gala: a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
O recoñecemento da Federación de Librarías vai para «un referente para todas as persoas que exercemos en Galicia a profesión de libreiros e libreiras»: Rafael Silva Costoyas (Silleda, 1937). Foi un dos fundadores en 1971 da libraría compostelá Follas Novas e «tivo a idea luminosa de achegar os libros á xente, permitindo que se puideran tocar, follear e descubrir», resaltou o vicepresidente da Federación, Óscar Porral, xa que con anterioridade o habitual era que os exemplares estiveran en vitrinas. «Hoxe Follas Novas é un referente cultural, un auténtico templo do libro que leva máis de 50 anos nutrindo de lecturas a varias xeracións. Un tempo no que Rafael nunca deixou de estar aí», remarcou.
A Asociación Galega de Editoras, pola súa banda, entrega o seu premio de honra nesta ocasión a Manuel Bragado (Vigo, 1959), editor, mestre e activista cultural, que foi director de Edición Xerais entre 1994 e 2018, ademais de autor de varios libros e do blog Brétemas. «É un dos grandes da edición durante os últimos 30-40 anos, ademais de presidente da nosa asociación durante catro anos», incidiu Henrique Alvarellos, directivo do colectivo de editoras galegas.

Pola súa banda, a autora palestina Shahd Wadi foi nomeada como escritora galega universal pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. «É necesario darlle voz a un pobo que sofre un xenocido; é importante que os escritores e escritoras desa terra teñan visibilidade», afirmou Diana Varela, representante do colectivo.
A gala que busca darlle visibilidade ao libro galego e en galego celebrarase o sábado a partir das 19 horas no Teatro Principal compostelán presentada polo actor Xosé Barato, que repasará a actualidade da literatura. Ademais, poñeranlle música en directo o dúo formado por Mr Cool e Rubén Servide. A entrada é libre, pero é necesario solicitar previamente o convite no correo electrónico oficina@aelg.org.
Os premios, que chegan á súa décima edición, suman corenta finalistas co obxectivo de reivindicar a importancia do libro galego. «É un espazo para darlle visibilidade a un libro que ten un mercado moi cativo, un músculo moi débil, e que precisa de moitos esforzos», remarcou Alvarellos lembrando que de cada cen persoas que mercan libros en Galicia, só oito optan por eles en galego. Pola súa banda, a representante do colectivo de autores lembrou que «sen escrita, sen os libros, non hai memoria, non hai historia». Ademais, incidiron na importancia de unir sinerxías entre os tres colectivos.
Na presentación da gala celebrada este martes tamén participaron a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao, e a subdirectora xeral de Bibliotecas e o libro da Xunta de Galicia. Esta última remarcou que os premios Follas Novas conforman una «cita imprescindible» para a promoción do libro e a literatura galega. Pola súa banda, Louzao subliñou que a gala reunirá en Santiago «o talento, esforzo e creatividade literaria de todo o país». Ademais, animou a mercar as obras gañadoras e finalistas posto que «o mellor premio é que os libros vivan nas mans do público lector».