
Amorte en Lima o pasado 13 de abril do gran escritor peruano Mario Vargas Llosa puxo unha especie de punto final á grandísima narrativa latinoamericana que encheu o século XX e unha parte do XXI. Unha lista na que figuran tamén Gabriel García Márquez, Julio Cortázar, Carlos Fuentes, Juan Rulfo, Juan Carlos Onetti, Manuel Scorza, Alejo Carpentier, Ernesto Sábato, Augusto Roa Bastos, José Donoso, Guillermo Cabrera Infante e Alfredo Bryce Echenique, entre outros membros destacados dun boom literario incomparable.
Mario Vargas Llosa naceu en marzo de 1936 en Arequipa (Perú) e sempre se sentiu moi vencellado a España (tivo a nacionalidade española desde 1993). Entre os grandes recoñecementos literarios que acadou están o Premio Nobel de Literatura no 2010, o Cervantes en 1994 e o Príncipe de Asturias das Letras en 1986.
Vargas Llosa e o colombiano Gabriel García Márquez coñecéronse en 1967 en Caracas (Venezuela) co gallo da entrega do Premio Rómulo Gallegos a este último. Comezou así unha amizade que mesmo converteu ao novelista colombiano en padriño do segundo fillo do grande escritor peruano. Foi tamén en 1967 cando viu a luz a novela titulada Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, que moi axiña se converteu no grande estandarte do boom literario latinoamericano, que inclúe ao mexicano Carlos Fuentes e ao arxentino Julio Cortázar, entre moitos outros, porque o éxito literario se estendeu por América Latina dun xeito exponencial, outorgándolle unha extensión literaria mundial.
De feito, hai unha liña que vai desde o escritor arxentino Jorge Luis Borges ata o peruano Mario Vargas Llosa. Un percorrido brillante que asombrou ao mundo enteiro e que quizais está comezando a sinalar o final dese liderado literario.
A morte de Vargas Llosa está a provocar unha singular ondada de nostalxia, sobre todo por novelas como Conversación en La Catedral (1969), La guerra del fin del mundo (1981) e La fiesta del Chivo (2000). Porque se trata de obras maiores.