
Castelao residiu case ano e medio, xa finalizada a Guerra Civil, en Nova York, malvivindo, mesmo explicando clases de castelán nun colexio. El devecía por instalarse en Buenos Aires para seguir predicando o ideario galeguista aos milleiros de emigrantes galegos e de bastantes exiliados. Pero, para o Goberno arxentino, Castelao era un «rojo español», case sinónimo de comunista. Coa axuda fraterna e intelixente de Rodolfo Prada, Castelao é recibido en Buenos Aires no verán de 1940.
Penso que os biógrafos aínda non lle dedicaron a atención debida, nin sequera o case inconmensurable Miguel Anxo Seixas, á vida de Castelao nos anos porteños do período 1940-1950, onde tivo que depender de «quince benfeitores», galeguistas de moi poucos recursos económicos na súa maioría. A eles, Castelao e dona Virxinia debéronlles teito, atencións e ir resolvendo o día a día; por se fose pouco, eran «irmáns» dun galeguismo moi tradicional (agás Rodolfo Prada), tanto que Luís Seoane, noutro discurso político, alcumábaos, nas súas cartas, «os Abrairas» (este, Xosé Abraira, chamáballes a el e outros comunistizantes «rabanitos»).
Así as cousas, hai que entender o inxente labor intelectual de Castelao en Buenos Aires, comezando pola lectura de Sempre en Galiza (1944), libro no que o autor reproduce non poucos textos da Guerra Civil publicados en Nueva Galicia e Nova Galiza que aparecen, na versión porteña, significativamente modificados. Lémbrese «As tres plagas», as que «ensumiron ao pobo hespañol na barbarie, na iñorancia e na miseria». Titulábanse os tres capítulos, en 1937, Clericalismo, Militarismo e Capitalismo. Pois ben, ademais de suprimir Castelao liñas moi duras contra a Igrexa católica no primeiro texto, titula o terceiro Semifeudalismo, consciente, pensamos, de que os Abrairas de Buenos Aires, os benfeitores, non aturarían unha diatriba frontal contra o Capitalismo, requisitorias que eran, para eles, cousas de comunistas.
O Castelao de 1938, ante certos éxitos da URSS, advertía que cumpría, para entendelos, definir doutro xeito «os conceptos de democracia e liberdade».