A Asociación de Museos Literarios de Galicia aproba os estatutos e incorpora a Fundación Castelao á directiva

X. A. CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Coincide esta decisión co 75.º aniversario do falecemento do histórico escritor, artista e político rianxeiro. Tamén se incorpora o hotel Bela Fisterra 

07 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Galega de Casas, Museos, Fundacións e Espazos Literarios (Religa) celebrou a terceira asemblea, na que foron aprobados os estatutos da entidade e se levou a cabo a incorporación da Fundación Castelao á xunta reitora. Coincide esta decisión co 75.º aniversario do falecemento do histórico escritor, artista e político rianxeiro. A presidencia continúa a cargo da Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso. A nova reitora, comunican, supón «un avance cara a unha maior representatividade e un maior equilibrio de xénero». A xuntanza levouse a cabo co inicio do mes das Letras Galegas, e os promotores elixiron como localización o centro cultural e museo dedicado ao poeta da Terra Chá, Manuel María, en Outeiro de Rei.

Tamén se incorporou á entidade o hotel literario Bela Fisterra, que acolle habitualmente iniciativas de apoio a autores. Informan dende Relinga que a asemblea serviu para reforzar lazos entre os membros do colectivo e para avanzar na folla de ruta de cara aos vindeiros anos. Ademais de cuestións legais de formalización e rexistro da entidade, aprobaron a estratexia para o período 2025-2027. O obxectivo, din, é formar unha rede que abarque «todas as entidades custodias de patrimonio literario galego, conectada co presente e futuro da nosa literatura e lingua». Esta agrupación naceu no marco da Declaración de Celanova de marzo do 2023 como «culminación dun proceso de diálogo e colaboración iniciado no 2017», coas fundacións Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Deste xeito expresan «a vontade común de constituír» un colectivo que persegue erixirse en gardián e promotor «do patrimonio literario galego, coa finalidade de fortalecelo, poñelo en valor e garantir a súa transmisión».