O legado das cantareiras nas voces da tradición e do porvir brillará en Malpica

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Tanxugueiras, en pleno concerto na Coruña, encarnan o éxito da reinterpretación da herdanza da tradición.
Tanxugueiras, en pleno concerto na Coruña, encarnan o éxito da reinterpretación da herdanza da tradición. Javier Bragado

Unha actuación de Tanxugueiras coroará o Día das Letras o festexo da RAG da poesía popular oral e as mulleres que contribuíron á súa creación e transmisión 

07 may 2025 . Actualizado a las 10:56 h.

O legado das cantareiras nas voces da tradición e do porvir brillará en Malpica de Bergantiños. Será no centro cívico e cultural da vila, escenario elixido pola Real Academia Galega para celebrar a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas 2025. Si, no concello natal das Pandeireteiras de Mens, que personifican ás cantareiras e á poesía popular oral canda Adolfina e Rosa Casás (A Vila da Igrexa, Cerceda) e Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía) que festexa este 17 de maio. O pleno arrincará ás 12.30 horas coas alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora desta candidatura; Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro popular galego con Dorothé Schubarth; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. Tanxugueiras, exemplo senlleiro dos novos vieiros da tradición reinterpretada dende a modernidade, porán a actuación musical, detalla a Academia.

Teresa, Prudencia, Manuela e Adela, retratadas nunha eira en Mens en 1982, nunha foto que forma parte do fondo da Agrupación Folklórica Aturuxo conservado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.
Teresa, Prudencia, Manuela e Adela, retratadas nunha eira en Mens en 1982, nunha foto que forma parte do fondo da Agrupación Folklórica Aturuxo conservado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.

O programa vindica dous esteos fundamentais da lingua e da cultura: o legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan estas Letras colectivas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e mais a súa continuidade en novas voces, como as de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro —Tanxugueiras—, que lles abren á tradición e á lingua novos e prometedores vieiros creativos.

Este será o segundo acto da RAG co gallo do 17 de maio, tras a presentación da nova edición da Primavera das Letras, o seu proxecto web para o público infantil, no concello natal de Rosa e Adolfina. O alumnado do CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda protagonizou en marzo a estrea da peza teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira. A edición dixital do texto pode descargarse en primaveradasletras.gal, onde tamén se ofrecen actividades interactivas, fichas para colorear, marcapáxinas e chapas sobre as cantareiras. A terceira gran cita das Letras terá lugar xa no outono en Muxía. A terra onde naceu e medrou Eva Castiñeira será punto de encontro de especialistas que afondarán en novas olladas arredor do fenómeno das cantareiras e a poesía popular oral. A Academia celebra as Letras na rede con espazo para todas as idades. Mentres Primavera das Letras se centra nos máis novos, a sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal ofrece diversos contidos para adultos, entre eles a serie documental Se canto é porque quero.

Unha celebración que enxalza o labor de Dorothé Schubarth

A tarefa da Real Academia Galega para dar lustre a este 17 de maio ten outro fito principal: Por que non hei de cantar?, unha proposta do seu Servizo de Publicacións. Ao coidado do musicólogo Manuel Rico Verea, o volume repartirase entre os asistentes ao pleno de Malpica e poderase descargar tamén na súa web. De maneira breve e didáctica, ofrece unha aproximación ás recolleitas dos corpus da literatura popular e á historia dos cancioneiros que reproducen as melodías tradicionais de Galicia, cunha primeira parte dedicada ás cantareiras homenaxeadas, e unha final, a Dorothé Schubarth, outra figura relevante nestas Letras como recompiladora pioneira e xa de referencia: a etnomusicóloga suíza gravou, ordenou e catalogou os versos e as melodías que lles escoitou a preto de 600 informantes de todo o país entre finais dos setenta e os oitenta, lembra a RAG. Co traballo que realizou en colaboración con Antón Santamarina, considerado a biblia dos cancioneiros, a estudosa foi quen de facer agromar «tempos novos para a lírica e a música de tradición oral que transmitiron os últimos informantes dunha sociedade galega de cambios abruptos vividos durante o século XX», como subliña Rico Verea.

De acordo cos seus estatutos, a RAG personificou o 17 de maio nas catro Pandeireteiras de Mens, que faleceron hai máis de dez anos: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, constituíron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que espallaron polo mundo adiante a poesía popular oral, tras se integraren nos anos setenta na Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña. Todas elas son naturais dunha parroquia, e dunha comarca, extraordinariamente rica no tocante á tradición oral.

Schubarth recolleu numerosas composicións a varias das Vellas de Mens, aínda que son Rosa e Adolfina Casás Rama as informantes que máis coplas achegaron ao seu Cancioneiro popular galego. A musicóloga tamén visitou Muxía, outra terra especialmente fértil, pero naquela altura había xa tempo que Eva Castiñeira vivía na Coruña. A súa voz, xunto á de Florencio da Fontaneira, o Cego dos Vilares, sería rexistrada para sempre no disco Recolleita, volume I (1981), ao coidado de Pablo Quintana e publicado polo selo Ruada.