
O Consello da Cultura Galega súmalle ao libro do Día das Letras a creación dun espazo web
08 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Son as mulleres as que toman a palabra e a voz que se escoita. E, por iso, co título «apoderante e asertivo» de Agora vou cantar eu, o Consello da Cultura Galega (CCG) quere renderlles homenaxe non só ás sete creadoras e transmisoras da poesía popular cantada nas que a Real Academia Galega (RAG) personifica o Día das Letras do vindeiro día 17, senón a esa lexión de poetas e cantareiras anónimas que mantiveron e aseguraron a supervivencia deste patrimonio da cultura popular galega. «Estas mulleres souberon gardar para nós acesa a chama da nosa tradición», destacou Dolores Vilavedra, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega. Un aspecto no que incidiu Beatriz Busto Miramontes, a antropóloga e musicóloga que se encargou de coordinar o traballo: «A idea era que o libro servise para transcender eses nomes e amosar que son sete entre miles descoñecidos; [...] para dar unha imaxe representativa de rede, de produción comunitaria viva e articulada, do que foi o canto, o baile e a música tradicional porque tiña un sentido, era funcional na comunidade».
Precisamente, debido á singularidade das homenaxeadas do vindeiro 17 de maio, desta volta, o traballo do Consello da Cultura está concibido como un proxecto transmedia, de xeito que todo o contido está tamén recollido nun espazo web accesible, indicou Manuel Gago, coordinador de contidos dixitais do CCG. O que é o libro físico —unha edición non venal de 500 exemplares numerados— está articulado en dúas partes. Por un lado, unha ducia de ilustracións realizadas por Cestola na Cachola —Xoana Almer e Miguel Peralta— nas que se reflicten catorce informantes seleccionadas por Beatriz Busto atendendo a criterios de relevancia musical, vocal e social, así como á variedade de textos. Nelas figuran Rosa de Moscoso (Pazos de Borbén), Estrela do Marmito (Dumbría), Concha do Canizo (A Gudiña), Dolfina de Añobres (Muxía), Áurea de Laxoso (Ponte Caldelas), Josefa de Bastavales (Brión), Josefa de Mongarillo (A Fonsagrada), Felicia de Fofe (Covelo), Pandeireteiras da Alén —Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz— (Beariz), Concha de Luneda (A Cañiza), Ilda Álvarez Macía (Folgoso do Courel) e Inés de Naipes (Cervantes). Esta parte complétase con códigos QR para acceder ás interpretacións dos cantares e un caderno no que figuran as transcricións.
A outra parte da publicación é un estudo crítico a cargo de Beatriz Busto, que está acompañado dun limiar da presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, así como dunha selección poética a partir do Cancioneiro popular galego. Os cantares están estruturados segundo a súa temática para configurar unha foliada. Unha proposta que lle permitiu á coordinadora do libro plasmar o nome de gran cantidade de mulleres, un dos seus obxectivos. Ademais, lanza unha serie de reflexións para invitar a pensar sobre o estado e a saúde deste patrimonio. «Isto non ten que ver só coa memoria; aínda se crea hoxe, séguense producindo elementos creativos», afirmou.
En canto ao proxecto web con motivo do Día das Letras, ademais de dar acceso aos distintos materiais e fondos sonoros, pódese apreciar a distribución do corpus de cantares recollido no libro a través de todo o territorio. «Este ano, todo o país está interpelado a facer súa a celebración das Letras», incidiu Vilavedra.