26 espectáculos durante quince días na 42.ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da representación de «Julio César», produción da portuguesa Companhia do Chapitô.
Detalle da representación de «Julio César», produción da portuguesa Companhia do Chapitô.

O festival, que se celebrará entre o 22 de xuño e o 6 de xullo no auditorio municipal Xosé Manuel Pazos Varela, exhibirá oito estreas absolutas

08 may 2025 . Actualizado a las 21:55 h.

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas deu onte a coñecer o programa da súa 42.ª edición, que se celebrará entre o 22 de xuño e o 6 de xullo no auditorio municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e outros espazos da vila, que acollerán 26 espectáculos e unha ampla oferta de actividades paralelas.

Organizado desde 1984 pola asociación cultural Xiria, é un dos poucos certames teatrais europeos cuxa marca é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dun decenio na danza. Así o explicou o equipo responsable, nun acto no que participaron as institucións colaboradoras, entre elas a Axencia Galega das Industrias Culturais, cuxo director, Jacobo Sutil, eloxiou que o encontro manteña «os trazos de identidade que esta cita lle achega ao noso sistema teatral: calidade artística, defensa do teatro galego, miradas a propostas doutras procedencias, organización público-privada, implicación cidadá, apartados de formación e de creación, dinamización da economía local, e compromiso social e coa igualdade en todos os ámbitos». Os 26 espectáculos estarán repartidos en cinco escenarios, con especial relevancia para as producións galegas como reflexo do seu apoio ao tecido teatral do país, ás novas compañías e á creación emerxente. En canto a formatos e xéneros, recolle propostas escénicas que van desde a danza, a performance e o teatro máis contemporáneo e innovador, ata o de rúa e o máis clásico e popular.

Ademais, exhibirá oito estreas absolutas, entre elas, O espírito de Vania, de Machi Salgado; A beleza faranos libres, de Anómico Teatro; Vento metal, de Trifásico Teatro; Coa cabeza nas nubes, da compañía Söa; Gala, da firma vasca de novo circo Rojo Telón; e Enredo, un espectáculo de clown de A Vela Circo.

Completan o panorama galego As gardiás ou o nó do tecelán, en homenaxe ao que foi o seu tradutor do francés ao galego e un dos fundadores da Mostra de Cangas, o recentemente falecido Henrique Harguindey; e dentro do 25.º aniversario do proxecto Mulleres en Acción, dedicado nesta edición ás pandeireteiras e cantareiras homenaxeadas no Día das Letras, prográmanse As fillas bravas de Momán, de Chévere, e a proposta musical, performativa e audiovisual Ósmose, de Mercedes Peón.

Tamén se estrean en Galicia La reina brava, o último traballo da rompedora compañía andaluza Las Niñas de Cádiz; Barbados en 2022, espectáculo da madrileña Kamikaze, escrito e dirixido por Pablo Remón; Julio César, éxito internacional da firma portuguesa Companhia do Chapitô; Todos los ángeles alzaron el vuelo, de La Zaranda; e como parte de Mulleres en Acción, preséntase por primeira vez en Galicia a performance colectiva Se nota, se siente, el beige es incluyente, pilotada por Miss Beige, o álter ego da actriz e performer Ana Esmith. O público poderá gozar tamén do multipremiado espectáculo de teatro físico Lubbert, do artista catalán Inda Pereda.

A programación inclúe, así mesmo, diferentes actividades divulgativas, obradoiros, presentacións de libros, coloquios, xuntanzas sectoriais, exposicións e o noveno Torneo de Dramaturxia de Galicia, no que se dará a coñecer o Manual de boas prácticas na dramaturxia e nas artes escénicas, un documento elaborado conxuntamente por asociacións de profesionais da dramaturxia de Galicia, Baleares, Cataluña, Madrid, Murcia e Valencia.

No que respecta á accesibilidade, a linguaxe de signos estará presente en varios espectáculos e actividades, unha sensibilidade que se completa proporcionándolles ás persoas con diversidade funcional e cognitiva espazos para que presenten as súas propostas sociais, culturais e artísticas.