Poetas e ilustradoras reinterpretan o legado das cantareiras para a iniciativa de Gadis «Foliada!»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Gadis presentou o seu proxecto nun encontro no CGAC.
Gadis presentou o seu proxecto nun encontro no CGAC. Paco Rodríguez

Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Solar, María Lado e Esther Carrodeguas poñen relato actual ás coplas das homenaxeadas polo Día das Letras Galegas

10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Solar, María Lado e Esther Carrodeguas poñen relato actual ás coplas das cantareiras homenaxeadas polo Día das Letras Galegas. Pero non é só letra, senón que as ilustradoras Laura Tova, Laura Mahía, Xoana Almar, María Montes e Iria Fafián son as encargadas de darlle cor e forma visual a eses versos que forman parte do legado cultural galego. O resultado é Foliada!, o proxecto artístico que combina literatura, música e ilustración co que Gadis conmemora o Día das Letras.

A cadea de supermercados repartirá o venres 16 entre os seus clientes un total de 30.000 unidades deste proxecto que consta de cinco láminas con coplas das cantareiras homenaxeadas, ao que hai que unirlle a visión das escritoras e as ilustracións das artistas. Ademais, repartirán 40.000 bolsas da compra de papel reciclado cunha chiscadela ás pandeireteiras de Mens, a Adolfina e Rosas Casás e a Eva Castiñeira. «Queremos achegar a cultura a miles de fogares galegos», afirmou José Luis Fernández Astray, director de comunicación de Gadisa Retail, durante a presentación da iniciativa, nun acto celebrado no CGAC no que tamén participaron, entre outras persoas, o conselleiro de Cultura, José López; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Esta Foliada! únese ás propostas coas que nos últimos anos Gadis conmemorou o Día das Letras Galegas, incluíndo desde unha antoloxía de poetas noveis, versos de artistas galegos nas rúas de diferentes vilas e cidades, un fanzine e un caderno de actividades para aprender sobre a lingua e a cultura galegas.

O conselleiro de Cultura, José López, tras incidir no acertada e novidosa da proposta de Gadis para conmemorar o Día das Letras, resaltou o compromiso do tecido económico e social «cos nosos valores culturais».