Once proxectos de Galicia optan aos premios do colexio de arquitectos españois

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Dous detalles da rehabilitación do inmoble para o Centro Cultural Forges na Fonsagrada.
Dous detalles da rehabilitación do inmoble para o Centro Cultural Forges na Fonsagrada.

A casa Mallou, en Santiago; o Centro Cultural Forges, na Fonsagrada; o muíño de Porto do Molle, en Nigrán, entre as obras candidatas

14 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Once obras galegas optan aos galardóns Arquitectura 2025, na cuarta edición, que organiza o Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España, en colaboración coa firma Compac. Os premios entraron este martes na segunda fase ao darse a coñecer as 201 propostas escollidas de entre 456 presentadas. A finais de maio reunirase un xurado conformado por arquitectos de recoñecido prestixio para elixir os finalistas. Os proxectos gañadores anunciaranse o vindeiro 3 de xullo nunha cerimonia que se celebrará en Madrid.

Inicialmente concorrían aos premios 32 propostas galegas, que foron avaliadas por un comité designado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) e integrado por Mariña Jordán, Candelaria López, José Manuel Bermúdez e José Luis Gil. Dos 32 proxectos prosperaron 11: en edificación, a casa Mallou, en Santiago; o Centro Cultural Forges, na Fonsagrada; o muíño de Porto do Molle, en Nigrán; a rehabilitación Fondodevila, en Parada de Sil; e o pazo de Martelo, en Rianxo. En arquitecturas mínimas, o xardín de Panchés (A Casa das Silvas), en Carnota; en arquitecturas efémeras, a Cabane 7L, en Roma; e en espazo público, o ascensor urbano Halo, en Vigo; a praza do Pombal, en Carballo; e a mellora do Carreiro do Rollo, en Salceda de Caselas. Tamén un proxecto de divulgación: a revista VAD 11. Os Arquivos.

Cubertas sostibles

Por outra banda, a compañía galega Tejas Verea e o COAG impulsan a segunda edición do premio que recoñece as cubertas eficientes e os usos innovadores das tellas cerámicas en proxectos de sinalización e deseño, en obras de nova planta e reformas en espazos públicos urbanos finalizadas entre o 2021 e o 2024.