
A Central Folque edita un traballo con 31 recompilacións do século XX
16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Val do Dubra é terra fértil, pero non só de cultivos, tamén desa cultura que agromou con Rosalía de Castro e que ten neste concello, horta de Compostela, un legado excepcional. Precisamente, que as Letras Galegas deste ano estean dedicadas ás cantareiras dálle un valor moi especial ao último traballo da editorial A Central Folque, Tocadoras do Val do Dubra, terra da que xorde Por que non hei de cantar, un dos temas de referencia da cultura popular e oral contemporánea de Galicia.
Este libro, integrado na colección Chave Mestra, inclúe unha selección de 31 cantares, partituras e bailegramas, xunto a unha escolma de fotografías que abranguen un longo período que comeza nos anos oitenta do século pasado. Este documento gráfico e sonoro achega moitos testemuños de mulleres e homes do Val do Dubra que preservaron a cultura tradicional e que, non menos importante, lles abriron aos investigadores as portas das súas casas e cociñas para contar e cantar todas as veces que fixese falta para que o seu legado, que coidaron a modiño e sen descanso, chegase ata hoxe.
David Fontán, Lucía Santiago e Carlos Rey son os autores dun traballo moi «coral» que ve a luz coa colaboración do Concello de Val do Dubra e da Xunta, e no que tamén hai un recoñecemento ás orquestras dubresas. Foi Carlos Rey quen no ano 1983 petou nas casas de Val do Dubra, onde o recibiron coma «se fose fillo deles», despois de escoitar a José Manuel Iglesias, Chiño, veciño de Bembibre, falar dos moitos bailes tradicionais que tiñan na súa aldea.
Nove anos despois, o mesmo Chiño e o editor Cándido Meixide decidiron ampliar o xa feito con gravacións e fotografías que preservan para sempre os sons e a sabedoría das xentes de Val do Dubra.
Ben gardadiñas quedaron as súas historias e partituras, ata que xa neste século, alá polo 2017, a entón concelleira de Val do Dubra Celsa Oreiro apostou por visibilizar este traballo e, con el, o labor da súa veciñanza, especialmente das mulleres. Daquela non foi posible, e esta docente de profesión, que volveu ao cargo hai dous anos, retomou un proxecto co que aspira a que este legado medre coas achegas da mocidade dubresa: «Para que se recoñeza a nosa música e que as novas xeracións sintan orgullo do que somos». Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, participou este xoves na presentación, e enxalzou «a importancia de proxectos coma este que recuperan materiais esquecidos e lles dan nova vida a través dunha edición rigorosa e divulgativa».
A publicación de A Central Folque confirmouse antes de que as cantareiras fosen as protagonistas das Letras Galegas 2025, unha circunstancia que incrementa o valor deste proxecto, do que puideron gozar dúas das protagonistas, a cantareira Manuela Fernández, de 86 anos, e a tocadora Nieves Bello, de 90, as dúas moi emocionadas e agradecidas.