Neira Vilas e a Revolución

CULTURA

Neira Vilas e Alonso Montero, nunhas xornadas sobre pensamento no ano 2010.
Neira Vilas e Alonso Montero, nunhas xornadas sobre pensamento no ano 2010. Miguel Souto

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Aeditorial Galaxia acaba de publicar, nun volume de 770 páxinas, a Correspondencia Xesús Alonso Montero / Xosé Neira Vilas (1965-2014), un epistolario de 269 cartas, escritas, na súa maioría, por el (198), e unha pequena parte por min (54). Hai algunhas misivas máis: dos meus fillos (daquela moi pequenos), de Emilia Pimentel (a miña muller), de amigos de Neira... Téñense publicado, noutras editoriais, outros epistolarios con Neira Vilas, pero ningún tan importante e tan revelador como este. Estes dous adxectivos, importante e revelador, refírense ás cartas de Neira Vilas, non ás miñas, e penso, sobre todo, nas que me (nos) escribiu nos seus primeiros 25 anos de Cuba, o fulgor daquela Revolución.

Cando fala da Revolución cubana batemos, non poucas veces, con páxinas antolóxicas da prosa de Neira Vilas, nomeadamente cando fala do seu compromiso (e o de Anisia Miranda, a súa compañeira) con aquel alborecer político-social nun territorio tan próximo aos Estados Unidos, cátedra e escudo do imperialismo capitalista.

Xa en 1973, falando dos seus labores, comunicábame que, en Cuba, «cada esforzo, por mínimo que sexa... é en beneficio de todo o pobo e inda dos pobos». Formulado isto, expresa o seu corolario: «Esto estimula, dá forzas. Se enriba, parellamente, se pode traballar algo coa ollada posta noutro pobo, o pobo de onde un procede... esta dualidade convírtese nunha soia causa». Días despois, comentando o golpe de Estado contra Allende en Chile, chegaba á conclusión de que «dentro da camisa do estado burgués non se pode facer unha revolución».

Estes e outros textos semellantes revelan unha personalidade política que o escritor, xa de volta en Galicia, só amosaba, cando o facía, en encontros moi íntimos. Por iso haberá hoxe moitas persoas en Galicia que se sorprendan ante unha carta de 1990, en pleno derrumbe da Unión Soviética: «Penso que os pobos terán de reaxir, pois non se pode concebir que volten agora ó capitalismo. Supoño que quedarán comunistas de verdade neses países. Nós, aquí, manteremos as bandeiras do socialismo verdadeiro, anque sexa en total soedade».