
A música tradicional recuperou dende hai uns anos o seu hábitat natural, a foliada, que atrae novos públicos
17 may 2025 . Actualizado a las 13:21 h.Hai nomes; hai creadoras e creadores; hai agrupacións, grupos e solistas; cantareiras que enchen salas de concertos e que están a piques de ir a Eurovisión, e proxectos con milleiros de seguidores. Malia todo, o folk é anónimo. De ninguén. Ou, máis ben, de todo o mundo. Unha creación colectiva —subliña Quique Peón, director de Xacarandaina— que se foi recoller ás vilas e aldeas na década dos oitenta ás présas, traballando contra o tempo, porque «a sabedoría do pobo marchaba cos informantes».
As pandeireteiras de Mens, nas que se personaliza este Día das Letras Galegas que en realidade está dedicado a un pobo enteiro, pensaban que, canda a elas, morrería a tradición. Que o folclore sería engulipado polas discotecas. Porén, a tal hora hai un colectivo de 40.000 persoas en activo en grupos, coros históricos, en clases... E moitas máis que gozan e participan do hábitat natural do folclore: a rúa. Ás aulas de Xacarandaina acoden un milleiro de persoas, e «a verdade é que sempre nas clases había moita rapazada, pero ultimamente estase apuntando moita xente adulta». Xente que quere participar dese hábitat natural. Que quere ser parte das foliadas.
O fenómeno non é propio de Xacarandaina, senón que se estende por todo o país e tamén por todos os grupos de idade. Hai apuntándose persoas de ata 60 anos para aprender música tradicional.
«En baile e pandeireta, si, sen dúbida houbo unha ansia e séntese unha preocupación» que se deixa ver nas aulas e tamén nos eventos. Explícao Mauro Sanín, de aCentral Folque. Medrou o interese pola pandeireta e o baile, pero, ao mesmo tempo, pensa que «houbo unha redución de interese en canto a outras especialidades da música tradicional, como a gaita, a zanfona, o violín, a frauta e o acordeón». Cando menos, hai menos xente ca na década dos noventa e principios do século XXI.
Máis oferta
«Agora hai moita máis diversidade, moita máis oferta, incluso sobreoferta; ás veces, non dás feito». A situación actual, cre Sanín, chega por unha suma de factores. Hai referentes, xente nova e non tan nova cun «abano estilístico moi aberto, moi plural e moi integrador». A iso hai que engadir que hai sitios onde facelo e persoas que se dedican a facelo. Que se organicen foliadas, que a xente entenda que a música tradicional é algo participativo «crea unha base moi sólida»:
«O folclore de Galicia goza dunha boa saúde», sentenza Quique Peón. Pero faino porque detrás hai un traballo, de novo colectivo, sen o que hoxe non existirían fenómenos como as Tanxugueiras. «Saíron do traballo do tecido asociativo de Galicia, das nais que levaban as nenas os sábados pola mañá a clase de baile ou de pandeireta, dos grupos recuperando e gastando cartos e esforzo en representar Galicia no exterior, en festivais internacionais».

O traballo que hai corenta anos se facía nas escolas, onde abundaban as aulas de baile galego, hoxe é sostido fundamentalmente polo asociacionismo. A foliada «está moi normalizada, máis ca antes, sen dúbida. Pero hai máis xente que queda na casa e mira o Netflix que a que vai á foliada». Sanín defende que, malia todo, «segue sendo minoritario a nivel social», aínda que se está chegando a máis xente. «Hai moito máis interese do que había cando eu tiña 20 anos. Eu son da zona norte e había poucos lugares nos que poder facer unha foliada», lembra.
Manter o interese
Queda por facer, dende logo. O primeiro é manter e facer medrar o interese por unha cultura inmaterial que está considerada unha das máis ricas e interesantes de toda Europa e, polo tanto, do mundo. «O folclore depende da xeografía de cada pobo, e temos conexión co norte, pero tamén moita co sur», explica Peón. O arco atlántico, de Escocia a África, suma na tradición galega melodías máis aéreas cunha percusión que nos oitenta se puxo en valor coa recuperación das pandeireteiras. E tamén hai que ter en conta a influencia cultural do Camiño de Santiago —«aquí se bailaban mazurcas, polcas, chotis, valses, que no sur de España non se bailan»— e un xeito de facer orixinal tanto na música coma no baile.
«Isto mantense porque hai moita militancia para facer que isto se manteña, siga funcionando e que poidamos vivir dignamente», salienta Sanín. «Dende unha perspectiva economicista, falta por facer entender que isto é un valor engadido», apunta Mauro Sanín. Existen achegas públicas, abofé, pero «pode ser máis. A décima parte do investimento que se fai no Son do Camiño dedicado ás músicas de base axudaría a crear unha estrutura moitísimo máis sólida».
E tamén está a parte de investigación. De feito, aCentral Folque é dos poucos colectivos que fan publicacións. «Comparado co que había hai 30 anos avanzouse moito, pero nunca é suficiente», porque hoxe aínda segue habendo falta de especialistas na materia.