«Orbital» ou a fascinación de vernos a nós mesmos desde unha perspectiva infrecuente

Ramón Nicolás

CULTURA

Harvey, autora de «Orbital», no Southbank Centre's Royal Festival Hall, de Londres, tras gañar o Booker 2024.
Harvey, autora de «Orbital», no Southbank Centre's Royal Festival Hall, de Londres, tras gañar o Booker 2024. David Parry | Booker Prize Foundation

O selo Rodolfo e Priscila publica en lingua galega a novela máis recente da autora británica Samantha Harvey, premio Booker 2024

19 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É case unha obriga, e con máis razón cando está vertido á nosa lingua, achegarse ao que se escribe arestora, e mesmo se premia, en sistemas literarios máis ou menos próximos. Neste caso é o selo Rodolfo e Priscila o que posibilita, cunha tradución a cargo de Juan Manuel do Río, internarnos nun mundo ben insólito como é o que deseñou a escritora inglesa Samantha Harvey (Kent, 1975) na súa novela Orbital, premio Booker 2024, un dos galardóns máis destacados das letras británicas. Afirmaba que un mundo insólito porque Harvey, que goza dunha habilidade descritiva en ocasións engaiolante e inesquecible sobre todo cando nos convida a ver a Terra desde as alturas, é quen de manter acesa a chama da tensión precisa por volta, e nunca mellor dito, das vivencias e obrigadas complicidades que simbolizan seis astronautas que conviven sen privacidade, a xiraren unha e outra vez ao longo de nove meses arredor da Terra nunha misión rutineira a bordo da Estación Espacial Internacional.

Asistimos así nestas páxinas a un exercicio transparente —é de supor que documentado ata a extenuación mais sen que se vexan as costuras— que nos desvela as dinámicas que o traballo cotián da tripulación esixe, isto é, o coidado da nave, os rexistros dos datos meteorolóxicos, a observación de diferentes fenómenos ou os experimentos que levan a cabo, mais tamén no libro planea esoutra realidade que é a da vida que deixaron na Terra e á que, loxicamente, queren volver.

Esa vida tan semellante mais tan distinta para cada un dos membros da tripulación: inzada de problemas nalgúns casos, chea de expectativas por cumprirse para outros, con soños que fan posible crear un obxectivo e amarrarse a el, mentres pasean a ollada polo extraordinario que supón ver o que se asoma fóra desde a atalaia da incansable estación espacial.

Na entrega do Booker a autora afirmou, e parafraseo, que todo aquilo que lle facemos á Terra, e somos conscientes das súas fatais consecuencias, estamos a facérnolo a nós mesmos. En efecto, alén das historias que aquí se cruzan, deséñase un percorrido eco-crítico dominado por unha chamada de atención á devastadora «política do desexo» e a esa necesidade innegociable de ter sempre máis. É este Orbital, en fin, un libro que exerce unha rara fascinación non sei se pola atracción que sentimos polo «azul-sempre-eléctrico» do noso planeta ou se talvez porque permite vernos a nós mesmos, e o que facemos, desde unha perspectiva infrecuente.