O Teatro Colón acolle este venres a estrea de «Sophie non é o meu nome de guerra», peza coa que Roberto Pascual gañou o premio Rafael Dieste
23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Roberto Pascual (O Carballiño, 1981) alzouse no 2021 co premio Rafael Dieste para textos teatrais coa súa obra Sophie non é o meu nome de guerra, que aborda o drama da inmigración e a trata de mulleres. A Deputación da Coruña —entidade convocante do concurso— financia a produción da peza, cuxa estrea poderá desfrutarse na tarde deste venres —ás 20.00 horas— no Teatro Colón da Coruña, e foi desenvolvida pola compañía Redrum baixo a dirección de Laura Míguez (Ourense, 1987).
Fundamentada en feitos reais, a creación de Pascual —profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da MIT de Ribadavia entre os anos 2009 e 2024— aborda as escuras arestas da trata de persoas, a inmigración, a prostitución, a violencia institucional, os discursos de odio e a invisibilidade das mulleres migrantes, a través dunha viaxe vital e xeográfica entre o Camerún orixinario da protagonista e A Coruña. Un afouto percorrido que, malia toda a dureza, na súa narración, deixa unha porta desde a que albiscar a esperanza.
A función conta coas actrices Alixa Ladson e Camille Hedouin como protagonistas dunha montaxe que poderá verse de balde previa retirada da entrada na web do teatro ou a través da plataforma Ataquilla.com. Nela, o público presenciará un cru periplo vital no que a protagonista, Sophie, sofre diversas violencias, desde a trata de mulleres, as restritivas políticas migratorias europeas e a hostilidade social que agroma nos países de acollida, tanto a que vén dada pola animosidade institucional coma pola invisibilidade que arrodea as migrantes. Malia toda esta dureza, Sophie non é o meu nome de guerra é un relato que quere deixar unha pequena fenda aberta ao optimismo.
Non en van, a peripecia de Sophie, que está baseada en situacións que ocorreron, é moito máis ca a historia dunha vítima, detalla a produtora, é «a historia dunha muller que ama e quere ser amada, divertida e vital, que desexa e que procura, como calquera outra persoa —migrante ou non—, a oportunidade dun futuro mellor».
Organizado en doce cadros, subliña a compañía, o relato expón a orixe da protagonista na súa natal Yaoundé, capital de Camerún, as súas lembranzas da infancia e a riqueza da cultura popular de África antes de conducir ao espectador ao seu éxodo, que a levou por Malí e Alxeria, para despois chegar a Melilla, Valencia, Francia e, ao final, á Coruña.