Os premios Martín Códax recoñecen o talento musical das artistas galegas

Nieves D. Amil
Nieves D. Amil PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Ugía Pedreira (A Pedreira), agradecendo o seu premio na gala dos premios Martín Códax celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Ugía Pedreira (A Pedreira), agradecendo o seu premio na gala dos premios Martín Códax celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra. Ramón Leiro

A gala reivindicou en Pontevedra o acceso á cultura de toda a cidadanía

29 may 2025 . Actualizado a las 10:06 h.

A gala dos premios Martín Códax da música escríbese este ano en feminino. As artistas galegas leváronse o protagonismo dunha edición que apelou á unión da comunidade musical e reivindicou que toda a cidadanía teña acceso á cultura. Ese foi o fío condutor dunha noite na que elas mandaron no Pazo da Cultura de Pontevedra. Unha das primeiras en subir ao escenario foi A Pedreira, o proxecto de Ugía Pedreira, na categoría de canción de autor e sen dúbida unha das voces más recoñecidas deste século.

Tras ela, Helena Egea triunfou como mellor artista de blues, folk e soul, a rapeira viguesa Nadie González, en músicas urbanas, e a pianista María Domínguez, en música clásica, foron dando forma a unha gala presentada por Lupe Blanco e Xisco Feijoo, na que non faltaron as homenaxes.

Unha das máis emotivas foi a que celebrou a Leilía. Para elas foi o premio honorífico por ser as primeiras cantareiras que empezaron a dar concertos en bares a finais dos anos 80. Levaron un dos aplausos máis longos da gala polo seu papel clave na recuperación da música tradicional. Este grupo de voces e pandeireteiras xa mereceu hai un ano a Medalla Castelao polo seu labor neste eido.

Coa actuación do grupo Ailá, que homenaxeou a oralidade ea tradición, a cerimonia non esqueceu o recente pasamento dos músicos Emilio Cao e Piti Sanz, para os que houbo en emotivo recordo por parte da organización. O fixeron nun encontro no que o colectivo Músicas ao Vivo chamou a fortalecer a contratación de artistas locais cun discurso que levantou aplausos ao apuntar que os músicos non poden quedar á marxe de situacións que afectan a vida cotiá: «É preciso poñer aos músicos no centro porque somos os que facemos a música e non descoidar a obriga de facilitar o acceso á cultura dos cidadáns, con independencia de onde vivan ou dos seus recursos».

Estas palabras puxeron o punto e final a unha velada na que a nova banda da Costa da Morte Paracetafolk recibiu o premio ao artista emerxente por unha proposta musical que mestura o son tradicional co rock.

PALMARÉS

Blues, funk e soul

Helena Egea

Folk

De Ninghures

Músicas do mundo e mestizaxe

Fanfarria Taquikardia

Canción de autor

A Pedreira

Músicas urbanas

Nadie González

Orquestras, grupos e música de verbena

A Banda da Balbina

Metal e heavy

Brutal

Bandas de música popular

Banda municipal de Caldas de Reis

Música tradicional

Faia

Música infantil

Brais das Hortas

Música clásica e contemporánea

María Domínguez

Jazz e músicas improvisadas

Orquestra Galega de Liberación

Rock e punk

Os John Deeres

Pop e indie

Sabela

Proxectos de comunicación e difusión

Cuac FM

Festivais

Festas do Barrio de San Pedro

Salas

Sala Rebullón

Artista emerxente

Paracetafolk