Castelao coa musa popular

CULTURA

Actuación de cantareiras en Malpica, nunha imaxe de arquivo.
Actuación de cantareiras en Malpica, nunha imaxe de arquivo. Basilio Bello

30 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se no Día das Letras Galegas alguén falou ou escribiu sobre a relación de Castelao co cancioneiro popular galego, o capítulo da nosa literatura que se homenaxeaba, nesa data, na voz das cantareiras e nas alocucións dos eruditos. Xa en Sempre en Galiza estampara: «Velaí están os nosos cantares, a rever tenrura e malicia, para competiren en beleza cos cancioeiros de calisquera outro país do mundo».

Son palabras de 1937. Anos despois, en 1945, xa Castelao moi lonxe da terra, un xornalista instouno a que lembrase «as mellores cántigas galegas», e Castelao, decontado, escribiu «catro como as mellores de que gardo recordo». Abofé que as catro son antolóxicas, non só a primeira, que é esta: «O amor que a min me leve / ha de ter a man lixeira: / ha de coller unha rosa / sen abalar a roseira». As catro pertencen, de cheo, á musa amorosa, moi presente no cancioneiro popular galego da tradición oral. Algúns tratadistas teñen suxerido que, no noso cancioneiro, hai dous grandes capítulos, o amoroso e o satírico, clasificación á que apuntaba Castelao, dalgún xeito, cando se refería aos cantares de «tenrura e malicia».

Fondamente amorosas, profundamente tenras, son as outras tres cántigas populares escolleitas, naquela especie de asalto periodístico. A cuarta, a última das cantigas elixidas reza, en catro versos, amor eterno: «Cando eu xa for velliño / acabado de morrer, / mira ben para os meus ollos, / sen vida inda te han de ver». Non anda tematicamente lonxe a terceira: «Cando eu era pequeniño / acabado de nacer, / inda ben abrín os ollos / xa era para te ver».

A resposta a esta enquisa demótica publicouse, cinco anos despois, xa falecido Castelao, nunha revista cubana (Cultura hispánica, La Habana, 23-4-1950). Eu acabo de exhumala no meu libro Poesía e sociedade no cancioneiro popular (Galaxia) para demostrar, coa praxe, a teoría de Marcelino Menéndez Pelayo segundo a cal «si los cantares son populares, no son buenos, y, si son buenos, no son populares». Nese capítulo, á beira de Castelao, figuran dous nomes excelsos, o de Rosalía de Castro e o de Ramón María del Valle-Inclán, demófilos tamén.